31/10/10

587. Jalogüín


Agora que estamos en plena vertixe comercial festivo-macabra, plena de disfraces, festas, cabazos e especiais de televisión de temática máis ou menos tétrica e desenfadada, desde este blog imos dar un enfoque lixeiramente diferente. Para iso, e sen entrar en explicacións moi complicadas destes festivos, que serán dadas en posts posteriores, imos lembrar un post de tempos pretéritos, case pluscuamperfectos, diría, no cal, sen entrar en detalles, fixen mención a uns costumes funerarios antigos dun lugar da actual Sumatra, pero que amosan unha forma ben distinta da nosa de celebrar o misterio da morte. Aló imos:

"El reino de Dragoyam, en el que se adoran ídolos, tiene rey propio y también lengua propia. Sus hombres son muy salvajes. Existe en él la costumbre siguiente: cuando alguien enferma de gravedad, sus parientes llevan ante él a magos y encantadores y les preguntan si podrá sanar; aquéllos responden sobre su salvación o su muerte según la contestación que reciban de los demonios. Si dicen que el paciente no puede convalecer, llaman a los que mejor y con más presteza saben matar a los enfermos, y tapan su boca de suerte que pierda la respiración. Una vez muerto, trocean su carne y la cuecen. Y, reuniéndose todos sus parientes, la comen con toda su médula.
Dicen, en efecto, que si su carne se pudriese y se convirtiese en gusanos, ellos morirían de hambre y el alma del difunto sufriría por esta razón un gravísimo castigo. A los huesos los sepultan en las cavernas de los montes, para que no los puedan tocar ni los hombres ni las bestias. Cuando los habitantes de aquella región capturan a algún extranjero, si no pueden pagar rescate, lo matan y se lo comen."


(Libro das Marabillas. Capítulo XVII. Marco Polo)

Recomendación:

Para contribuír ó ambiente destes días, (non me refiro a que chove e fai vento, senón ó terror), lémbrovos a existencia do uruguaio Horacio Quiroga, escritor que deixou tras de si unha produción de contos de terror centrados en acontecementos da vida diaria realmente estremecedores. Por se acaso vos parece pouco, a lectura do enlace anterior, no relativo á vida do autor, tampouco desmerece o ambiente de terror que creou nas súas narracións. Pode que non fose tan famoso como Edgar Allan Poe, pero na faceta persoal non lle foi á zaga. Como exemplo, enlazo aquí "La gallina degollada", relato opresivo no que o horror se vai achegando conforme avanza o relato, transmitindo a incómoda sensación de ser inevitable.


25/10/10

577. Hipócrita!


A educación(*) é un mundo no que podes atopar de todo, pero iso non significa que a miña capacidade de asombro non se poida ver superada ocasionalmente, como no caso que conto neste post. Non é que a ortografía, ou mellor dito, o maltrato que se lle proporciona nos centros de secundaria, sexa unha gran novidade, pero aínda así hai momentos que os nosos alumnos fan un esforzo suplementario e froito de tales instantes nacen cousas así:

Nada máis comezar a clase, observo, como é habitual, que dous alumnos non me prestan a menor atención. (Puntualizo: o habitual non é que eses dous en concreto non me fagan caso, senón que haxa alumnos que non fan caso). Ou si, porque un deles pregunta:

- Profe, ¿que es hipócrita?
- Que? Ah, alguén que fai o contrario do que di sentir, ou algo así...
- Mmmm... ¿Puedo coger el diccionario?
- Si, claro. (Total, xa que me non fas caso, que sirva de algo...)
.....
- Profe!
- Queeee?
- "Hipócrita", ¿es con h o sin ella?
- Con. (Paciencia... pode que estea aprendendo algo)
- ¿Ves? Ya te lo decía yo - apostillou unha compañeira, a outra que pasaba de min.
- Ah, gracias.
.....
- ¡No está!
- Que?
- Que no sale, "hipócrita" no está.
- Estás buscando con h?
- Si, claro, claro.
- A ver, deixa ver.
- Mira - dixo o alumno sinalando no diccionario - no está.
Acerqueime e vin o dedo delator entre "iguánido" e "ijada"
- Pero, non che dixen que era con h?
- Claro, por eso.


Ata que caín da burra e me dei conta que o meu privilexiado alumno buscaba "ihpócrita", e de forma hipócrita e amable, sen esbozar o menor asomo de sorriso, dixen:


- Si, pero ó principio da palabra.
- ¡Aaaaaah! Otra cosa, ¿y "apático"?

- Aagghhhl!...

(*)Educación: sistema aparentemente organizado mediante o cal uns seres denominados profesores tratan de intentar inculcar a uns rapaces unha serie de coñecementos supostamente útiles para a súa vida futura, tales como ler, escribir, facer contas e outro montón de cousas igualmente superfluas e innecesarias para triunfar na vida como protagonistas de programas de televisión, futbolistas, toureiros, coñecidos dos anteriores, etc.

Recomendación:

Como os profesores temos tempo libre e gañamos unha pasta, non temos preocupacións na vida. Froito de tal situación, investimos gran parte deste tempo en tarefas estúpidas e improdutivas para a sociedade, como, por exemplo, ler libros. Debido a iso, vou recomendar hoxe que vos unades a min en tal neglixencia como cidadán e leades "After Dark", o conxunto de historias de varios personaxes que se van entrelazando durante unha noite en Tokio por obra e gracia da pluma do escritor Haruki Murakami.


16/10/10

571. Adeus a Mandelbrot


Tal e como indica o título, fai un pouco que souben da morte de Benoît Mandelbrot, principal causante da popularización do relativo ós conxuntos fractais, aínda que non o inventor de tal concepto. Este honor correspóndelle ó francés Gaston Julia. En homenaxe a esta figura da Matemática queda aquí este fermoso vídeo sobre o denominado conxunto de Mandelbrot.


Como extra, a homenaxe no vídeo á gran película "2001" cos dous momentos máis coñecidos da súa banda sonora, "Así falou Zaratustra" e "O Danubio azul", película que aínda que non figure como recomendación neste post, é case obrigatoria.


3/10/10

569. Arreglamos todo (e máis)


Estaba eu reflexionando tirado no sofá cando por algunha estraña asociación-divagación de ideas pensei que hoxe en día calquera pode escribir algo en Internet (isto é a proba). Non é estraño, xa que, dado que a ignorancia e a superstición (ou pseudociencia) chegan ata a Casa Real, ver como exemplos á Infanta Elena ou ó futuro Campechano II, por que non vai haber un público máis amplo disposto a recoller ofertas menos elaboradas, digo eu?

E postos a seguir reflexion...ado no sofá divagando, que é Internet? En certos casos, nada máis que unha novidosa forma de comunicar as nosas cousas a outras persoas de maneira máis rápida, barata (aínda que as compañías telefónicas non o saiban ou non o digan) e con posibilidades de chegar a unha inmensa cantidade de xente. Pero antes de Internet, xa había xente capaz de facer todo o que levo mencionado no post (ata as empresas de telefonía nos atracaban xa) e sen necesidade de ordenadores.

Así que, por que renunciar a métodos tradicionais? Iso debeu pensar o autor dun pequeno anuncio que atopei esta semana no meu buzón e que reproduzo aquí, ocultando os datos de identificación para evitar que algún incauto vaia caer en tan "fiables" mans e por riba perder uns euros. (Tiven dúbidas sobre deixalos e incitar á xente a facer algunha barbaridade, pero prefiro pensar que son boa persoa. Se outros enganan con pulseiras e parches, por que non me podo enganar eu a min mesmo?)

(o mini-panfleto en cuestión)

Todo isto recoñezo que me crea algunhas dúbidas:
- Dentro dos problemas que resolve "por difíciles que sean", por que inclúe "todo lo que hace bien"? Desde cando iso é un problema?
- O de "por difíciles que sean" inclúe problemas como a conxectura de Goldbach?
- O máis inquietante. Despois de "etc, etc..." menciona "cualquier otra necesidad". Que pode haber neste apartado que non estea incluído no de "etc, etc..."? Cando menos, asusta pensar no tema.

En fin, que como todas estas patrañas, o tema non da para máis, así que aquí finaliza o post, aínda que... (a ver se cola) se alguén está interesado en coñecer os poderes curativos deste blog pode poñerse en contacto co seu autor para facerlle un xeneroso donativo que contribúa a pagar as súas próximas vacacións financiar as importantes investigacións ás que consagra o seu tempo en beneficio da humanidade.

Recomendación:

Despois de tan profundas reflex...divagacións, vou deixar aquí unha suxerencia máis reconfortante para o espírito e seguramente menos penosa para o peto. Ray Bradbury propón un futuro distópico certamente preocupante na novela "Fahrenheit 451", unha estremecedora reflexión sobre a eliminación de todo tipo de cultura na sociedade e a onde nos podería levar isto.
"FAHRENHEIT 451: temperatura á que o papel dos libros se acende e arde...", así de estremecedor explica o autor ó inicio do libro por onde van ir as cousas.


2/10/10

563. Graves ofensas


Estaba só en clase, preparando os libros para empezar, cando a alumna entrou indignada, e, sen darme nin tempo a saudar, dirixiuse a min, iso si, de forma educada e correcta, sen alzar a voz:

- ¡Hola, profe! Acaban de insultarme en el pasillo. ¡Tienes que hacer algo ya!
- Eeeh... como?
- Sí, profe. Venía para clase y me han llamado "rubia de bote"... y yo, SOY NATURAL.


1/10/10

557. Volta a empezar


Hoxe é un día importante, empeza a temporada 2010-11 do C.B. Breogán, o que, traducido a nivel práctico, significa que comezan meses de sufrimento animando ó equipo, vendo como as nosas esperanzas se esvaecen nas mans como grans de area, aínda que de vez en cando o equipo nos faga soñar, e por suposto, despertar do soño co tradicional batacazo.

Como dato curioso, este ano teño o carné de socio número pi, como ben se pode apreciar na imaxe, no número de socio. Así que a casualidade matemática servirá para facer acompañado este duro camiño, no cal espero que o equipo se empeñe en deixarme quedar mal e facer algo positivo, e se non, para botar unhas risas a conta da coincidencia.

(proba do delito matemático)

Polo tanto, só queda por dicir:Forza Breo!

Recomendación:

Como a temporada promete ser longa, e segundo o equipo nos vaia agasallando coas previsibles derrotas en momentos de ilusión máxima, bastante dura, para distraerse deixo aquí a recomendación da triloxía de novelas do desaparecido Francisco Casavella agrupadas baixo o título de "El día del Watusi". A unhas cinco páxinas diarias dá de sobra para cubrir a temporada completa e seguir a vida de Fernando Atienza desde a súa adolescencia, co punto de partida no 15 de agosto de 1971 en Barcelona. E de paso, continuar a serie de recomendacións deste blog iniciada no verán de novelas-ladrillo de cerca de 1000 páxinas, case 1200 neste caso.