18/9/09

37. Funeral celeste


Onte saíu en varios xornais unha entrevista co montañeiro italiano
Reinhold Messner (tamén hai versión en español deste enlace, pero é moito máis breve), co motivo do seu 65 cumpreanos, na que a maioría deles destacaban dentro de todo o que dicía o seguinte titular (ou peores): "Reinhold Messner quere ser comido polos voitres" (ver exemplo, a entrevista completa está en alemán no diario Bild, pero o meu alemán, de momento, non da para tanto). Antes de pensar que o home sufríu mal de alturas, aclaremos que se refire a unha vez despois de morto, e a razón é o apego ás terras e costumes do Tíbet.

Un deses costumes é o funeral celeste, jhator en tibetano, que significa literalmente "dar a alma ós paxaros", o enlace está en inglés, así que procedo a resumir este costume funerario propio do budismo tibetano:
Despois de velar o morto ata que os familiares consideran que a alma se pode ter reencarnado morte, os familiares do falecido levan o cadáver a un rogyapa (descuartizador de cadáveres) que se encarga de cortar a pel e separar a carne dos ósos para alimentar ós paxariños, tarefa que moitas veces se desenvolve sen solemnidade algunha, o que segundo as ensinanzas budistas facilita o tránsito da alma. Despois, os ósos son entregados ós familiares, que se encargan de machacalos e trituralos, mesturándoos con tsampa (unha mestura de fariña de cebada, té e leite de yak), para que os voitres dean boa conta deles e non quede resto algún dos despoxos do que unha vez foi unha persoa, pero agora só é considerado unha carcasa inútil e baleira.

Todo esto está resumido no seguinte vídeo, sacado da serie documental "El laberinto del Tíbet", pero xa o contei case todo, aviso porque non é para estómagos delicados. Tal vez sirva para reflexionar sobre o valor dun enterro católico tradicional pragado de sacerdotes, flores, e demais aditamentos sociais da morte na nosa civilización. Nin mellor, nin peor, distinto.

Recomendacións:
  • Non toca libro, nin música, por se a reflexión anterior conduce a algo máis, aquí vai unha opción, a doazón de órganos, ver páxina da Organización Nacional de Transplantes.
  • Para ampliar máis a visión do mundo, podemos ler un clásico entre os clásicos, plagado de acción, violencia e persoaxes singulares. Quen da máis? O Libro das Marabillas, máis coñecido polo nome do seu autor, o veneciano Marco Polo. (Como curiosidade macabra, ainda lembro outro rito funerario que o autor sitúa no reino de Dragoyam, en Sumatra, no que os familiares do difunto facían un caldo ou guiso con el e logo facían que estivera con eles, dentro para ser exactos, para toda a eternidade. O peor é que cando alguén estaba enfermo grave, se os curandeiros ou magos opinaban que non tiña salvación, eles mesmos se encargaban de transformalo en cadáver).


No hay comentarios: