Durante o recente periplo escocés, cando os nosos pasos nos levaron polo castelo de Edimburgo, acabamos visitando no seu interior varias cousas interesantes, como as Xoias da Coroa Escocesa (teñen unha historia bastante curiosa), a Pedra do Destino (outra rocambolesca historia), e o non menos interesante Museo da Guerra, onde me atopei de casualidade coa biografía do explorador Mungo Park.
A historia de Park e as súas dúas expedicións ó río Níxer está perfectamente detallada no enlace anterior, pero se queredes unha visión máis atractiva podedes ler, e aquí vai a primeira recomendación deste post, "Música acuática", novela de T. C. Boyle, na que conta esta aventura de forma coral, enlazando varias historias, e tomando algunhas, realmente bastantes, liberdades en canto á cronoloxía, persoaxes, e incluso veracidade da mesma. O resultado, de todas formas, resulta atractivo e interesante, e fai que ben mereza a pena facer un esforzo para rematar as súas case setecentas páxinas.
Recomendacións:
- Se podedes, escoitade a obra de Haendel que lle da título ó libro.
- Outros escoceses, de Glasgow, que aínda que non aparentan tan aventureiros soan moi ben son Belle & Sebastian, aquí vos queda o vídeo do seu tema "Like Dylan in the movies".
No hay comentarios:
Publicar un comentario