13/8/09

7. "A xente pode dicir que non sei cantar...


... pero ninguén podera dicir nunca que non cantei". Así de modesta e contundente era a nosa protagonista de hoxe, a irrepetible Florence Foster Jenkins, para algúns a peor soprano da historia, unha especie de Ed Wood da ópera, etc. A lista de (des)calificativos daría para outro post. Así que para dar un certo nivel imos empezar cun fragmento dunha ópera de Mozart:

"Der Hölle Rache kocht in meinem Herzen,
Tod und Verzweiflung flammet um mich her!..."
("A furia do inferno ferve no meu corazón,
a morte e a desesperación arden en min!")

Como sabía Mozart que alguén ía cantar así?
Pode que tal vez fose consciente que case un século e medio máis tarde despois de compoñer "A frauta máxica" ía aparecer alguén como Florence Foster e proclamar sen vergoña ningunha o seu gusto por cantar a segunda aria de "A raíña da noite", a máis coñecida desta ópera.

Para valorar este post con criterio, primeiro imos escoitar (que non gozar) a interpretación da diva.


Unha vez postos en situación, imos coa súa
curiosa biografía:

Nacida como Florence Foster en 1868 en Pennsylvania, e despois de recibir leccións de música na súa infancia, quixo ampliar os seus horizontes musicais viaxando a Europa, o que non lle permitiron seus pais. Trala negativa, fugouse con un médico, Frank Jenkins, co cal casaría, e do cal se divorciaría en 1902. Nesta primeira etapa, traballou como mestra e pianista.

En 1909, o destino, en forma de importante herdanza á morte do seu pai, propiciou un cambio na súa vida. Por fin podía iniciar a súa carreira musical, cousa que fixo tomando leccións, e finalmente, debutando no mundo do bel canto cun recital en 1912. A morte da súa nai en 1928, fixo que a súa economía lle permitise continuar a galope pola senda do seu delirio musical, acompañada polo seu pianista Cosmé McMoon, do que se conta que poñía caras raras mirando ó público para facer burla da cantante. Mostra da súa alta autoestima musical era a súa resposta ás habituais e feroces críticas: "Son só rivais consumidos pola envexa profesional".
Cabe destacar tamén que era apreciada como organizadora de eventos sociais benéficos a favor de xoves músicos, nos que tiña asistentes habituais tan ilustres como o tenor Enrico Caruso.

En pleno alarde de divismo, sometía ós aspirantes a ter entradas para os seus recitais a unha entrevista no seu hotel, e só despois lles permitía comprar unha entrada, que segundo dicía "só estaban á venda para os auténticos amantes da música". Cada ano daba un concerto privado, ó que só se podía asistir por invitación, para 800 persoas no hotel Ritz-Carlton de New York, tendo un éxito inmenso, non se sabe moi ben se por rirse do seu escaso arte ou se de forma sincera os asistentes gozaban da música. Outro dos factores que contribuían á expectación era a posta en escea, dado que podía cantar como na portada do disco que vemos no inicio do post, ás de anxo incluídas.

De aquí a gravar discos, só había un paso, que, coa combinación mortal que forman a ignorancia e o atrevemento, foi dado de forma firme e decidida. Gravou nove arias, que foron distribuidas en cinco discos, hoxe editados en cd, dous deles con títulos tan suxerentes como "The glory (????) of the human voice" e "Murder on the high C's" ("Asasinato en do de peito", pérdese o xogo de palabras coa tradución).

En 1943, despois dun accidente nun taxi, descubriu que podía cantar "un fa máis alto que nunca", co cal, xenio e figura, non só non denunciou á compañía de taxis, senón que lle enviou unha caixa de puros ó conductor en mostra de agradecemento. O 25 de outubro de 1944, ante a insistencia dos seus admiradores programou un concerto no Carnegie Hall de New York, para o cal as entradas foron esgotadas con semanas de anticipación. Ironías do destino, un mes despois deste triunfo, e tal vez chea de felicidade, a nosa protagonista deixou este mundo.

Recomendacións:
  • En primeiro lugar, e como desagravio, escoitemos a Natalie Dessay cantar a citada aria. (No enlace do inicio explícase que é o que pasa neste acto e o porque do coitelo)
  • Para suavizar algo, outra voz feminina estremecedora e marabillosa, Dulce Pontes, cantando "Alma Guerreira", do seu disco "O primeiro canto". Na parte dereita da pantalla podedes ver a letra completa en (más información).

No hay comentarios: