Xa rematei de ler a triloxía "Millennium", cos seus longos títulos incluídos, e, para que negalo, entretén e está ben escrita; é máis, xa a recomendo agora sen chegar ó habitual apartado final. Dado que o verán é longo e aburrido, tampouco é para tanto ler algo máis de dúas mil páxinas. Aparte de deixar a biografía máis ou menos estándar do autor, comento algúns detalles:
- a súa desaparición foi tan imprevista, sen testamento, que agora hai un litixio entre os familiares e a súa compañeira pola herdanza
- a morte tivo un punto cómico e macabro, morreu dun infarto despois de subir sete pisos a pé porque o ascensor do seu lugar de traballo non funcionaba aquel día
- o autor era coñecido antes polos seus traballos nos que se adicou a denunciar as actividades dos grupos de extrema dereita, sendo incluso requerida a súa colaboración por corpos de policía como Scotland Yard
No respectivo ás novelas da serie, parece que ó igual que os Estados Unidos despertaron do soño dos felices anos 50 co ruído dos tiros na cabeza de J. F. Kennedy, en Suecia o soño dourado do estado de benestar da socialdemocracia tamén tivo un brusco despertar, ou cando menos, está escurecido por bastantes sombras. Da inxenuidade da sociedade ilustra moito que nos asasinatos do primeiro ministro Olof Palme, en 1986, ou da ministra de Asuntos Exteriores Anna Lindh en 2003, hai un denominador común que é a oposición de ambos a levar escoltas, ou a vivir en residencias oficiais (impensable nun país "moderno" como o noso).
Larsson presenta ó longo de toda a serie un estado moderno, con iconas mundiais como IKEA, pero ó mesmo tempo ofrece unha visión do interior do mundo empresarial e das institucións do estado que nos fai esquecer todo atisbo da inxenuidade antes mencionada. En todo momento está presente como unha constante a denuncia da violencia contra as mulleres, e con pinceladas ocasionais podemos intuir a denuncia da corrupción e os abusos por parte de poderes e persoas que actúan como se estiveran por riba do ben e do mal.
A nivel persoal, por incordiar máis que nada, destacar a relación da persoaxe de Lisbeth Salander e as matemáticas, e en particular co Teorema de Fermat, onde o paralelismo coa propia historia de Fermat é evidente... e non conto máis, que xa recomendei que o lerades.
Recomendacións:
- Supoño que estaredes pensando que vou recomendar algo sueco, pois si, pero antes lembrar que onte empecei o día lendo que nos deixara Willy DeVille, que ben se merece unha despedida, aquí queda o seu "Spanish Stroll" (non é un vídeo de gran calidade, pero tampouco hai moito máis)
- Respecto a Suecia, non vai ser ABBA, nin tampouco ningún dos grupos de contundente metal nórdico, senón algo máis tradicional, Hedningarna, que para min teñen máis contundencia que algúns dos anteriores e que sorprendentemente cantan en finlandés (lede a historia do grupo para saber o motivo). Para mostra, "Vargtimmen" do álbum Trä.
No hay comentarios:
Publicar un comentario