7/6/10

367. Crónicas do máis alá (e 4)


No capítulo anterior: 
Despois dun duro despertar fixemos uns exercicios espirituais e desolados pola cancelación da visita a unha base de mísiles nucleares buscamos consolo na senda do vicio e a depravación en forma de paseo pola gastronomía local.

30 de abril:

Tras poder despertar, por fin, dunha forma plácida e relaxada e sen problemas de saúde, almorzamos tranquilamente e agardamos en Klaipėda a chegada do autobús cos nosos alumnos para cruzar en ferry á península de Curlandia, onde nos esperaba un fermoso parque natural. Para ir abrindo boca e espabilar un pouco ós nosos alumnos, baixamos a unha praia, onde puidemos coller coas nosas propias mans ámbar do Báltico e despois fomos a un acuario, onde ademais dos diversos bichos acuáticos que por alí pululaban, asistimos a un espectáculo de focas e golfiños.

 (O inicio das dunas mortas, parece un spaghetti western almeriense)

Despois seguimos percorrendo a península cara o sur, onde esta a fermosa vila de Nida, lugar onde comemos (os profes, porque como o menú era a base de peixe, delicioso, os nosos alumnos non comeron moita cousa). Ó rematar, empezamos a andar cara as dunas de Neringa, con un sol de xustiza que caía sobre nós, cargados como mulas grazas á iniciativa da guía, que nos dixo que podían facer falta os abrigos e deixou marchar o autobús ata o seguinte punto de encontro. Desde as dunas podiamos ver Rusia e tras este primeiro contacto, pasamos a unha zona de parque natural co suxerente e tranquilizador nome de "dunas mortas". E aquí iniciamos unha ascensión cara a cima das dunas que nos levou a contemplar unha fermosa paisaxe e deixar que os nosos alumnos se desfogaran un pouco deixando pasear cada un ó seu garrulo interior pola area.

(Vista diagonal das dunas de Neringa)

Tras un bo rato polas dunas, na miña opinión, un dos lugares máis fermosos da viaxe, volvemos á estrada e enfíamos rumbo ó Bosque das Bruxas, lugar cheo de esculturas de madeira no que se contaba que se reunían as bruxas para celebrar os seus aquelarres. Os nosos alumnos tiveron ocasión de lembrar algunha das lendas populares coas que traballaran e nós de divertirnos cando a guía se baixou a coller do chan unha especie de trevo e nos contou:

- Esta herba era usada polos habitantes da zona para comer así, podedes probar se queredes.

Os nosos alumnos, cos estómagos languidecendo despois das pateadas polas dunas e aínda co recordo do peixe que deixaran nos pratos, non o pensaron dúas veces e botáronse a comer trevos cunha voracidade que faría estremecerse ás gacelas dos documentais cando as persegue unha manada de leóns.

- Profe! Queres probar? Están riquísimas estas herbas.
- Non, grazas. Xa me chegou co pescado.
- Veña, veña, proba! Saben un montón.
- Vaaaaale! -dixen mentres mordisqueaba un trevo sen demasiada convicción-

(Valiosa lección da vida: A fame como método didáctico para ensinar a comer non ten igual)

(A nosa guía "vexetariana" e unha estatua da Colina das Bruxas á que 
lle chamaban "A porta do Inferno", non acabo de imaxinar o porque)

E así, pouco a pouco, puxémonos no remate do día e non nos quedou máis que ir cear, desta vez nun restaurante con música (unha cantante de varios centos de arrobas que berreaba como se a estivesen matando e por riba tivemos que sentar preto dos altofalantes), co cal continuamos coa contundente gastronomía lituana e as consabidas cervexas.

1 de maio:

Último día de actividades. Só nos quedaba a comida de confraternización cos pais, pero como era a mediodía, antes tivemos tempo de facer unhas compras para dar fe da nosa estancia no país e, de paso, levar os típicos recordos para a familia. A primeira particularidade do día foi atoparnos unha manifestación do primeiro de maio en territorio ex-soviético, pero o mellor foi durante o noso paseo por unha feira local, cando nos atopamos nun dos postos de venta ambulante con un individuo que parecía unha mestura de Stalin con un vendedor de mercadillo estereotipo. Grande como un mundo, o mesmo que cabía no seu mostacho, e que falaba sen parar tratando de convencernos para que lle mercáramos unha serie de recordos (con toda a pinta de falsificacións) do exército nazi, tamén vendía restos de uniformes rusos, soviéticos e achegados, pero o mellor foi, aparte da literatura en lituano, unha serie de insignias da era soviética (estas auténticas) ensalzando as datas sinaladas da URSS, a figura de Lenin e toda a parafernalia da imaxinería da época que un se poida imaxinar. Ante isto, sentímonos interesados e o individuo, co olfato para a venda agudizado, empezou a tratar de vendernos o tema en lituano. Como o lituano non é o meu forte, tratei de facerme entender en inglés, ante o cal o novo Stalin me respostou en alemán. Por fin tiñamos algo en común, eramos capaces de non entendernos un ó outro, pero trastabillando co meu alemán, iniciamos unha especie de diálogo no cal chegamos a conclusión de que lle ía comprar varias das insignias, porque despois de vernos indecisos sacounos unha segunda tanda, algo así como a gran reserva, onde atopamos máis ou menos o que buscabamos.

(Non é o mesmo que nos tempos de Brézhnev, pero daban un toque curioso)

Despois de rematar as compras de rigor, viñeron a recollernos no autobús escolar e acudimos á comida coas familias, onde tras un par de presentacións, apareceu unha profe lituana con unha botella de un licor "suave" (cito textualmente) e co conseguinte "I sveikata" que tan contraditorios recordos me trae, brindamos pola amizade. Uha vez posta a botella de licor suave na mesa, vimos que tiña 35 graos de nada, co que empezamos a temernos o peor, ou máis. A comida estivo bastante ben, conversas cos pais dos rapaces lituanos, tódolos alumnos participando en xogos e divertíndose xuntos, e con momentos tan estraños como o do pai lituano que me preguntou que a ver que pasaba co Barcelona, como se eu traballase con Guardiola, e logo contoume as súas aventuras de seguidor de rally índose de festa por Polonia cos amigotes, todo isto coa muller e a filla ó lado.

Menos mal que houbo chamada para o momento dos discursos de ambos directores e me despeguei do meu novo amigo, o que non impediu outro momento delicado, a aparición do pai dun rapaz lituano cunha botella de tequila, o que me levou a unha sensación de déjà vu, co inefable "I sveikata" como música de fondo. Tomar tequila usando pepino en vez de limón é outra das experiencias que podo engadir ó meu periplo vital despois de pasar por Lituania. Xusto o que esperaría dunha reunión escolar, nin máis nin menos, que os pais dos alumnos inciten ós profesores a tomar bebidas alcohólicas. Definitivamente, este tipo de intercambios fai coñecer costumes diferentes.
A partir de aquí, despedida, tarde libre, cea no Kurpiai e facer as maletas, prevendo o madrugón que nos esperaba.

2 de maio (epílogo):

Tras levantarnos ás tres e media da mañá, recoller ós nosos alumnos e presenciar momentos dunha tenrura e dramatismo como só os adolescentes nos poden proporcionar despedíndose, en estado puramente zombi chegamos a Riga para coller o avión de volta a Barcelona, a onde chegamos contra a unha da tarde, onde só tiñamos que esperar seis horas para coller o enlace que nos traería de volta.

Unha das rapazas do grupo ten familia en Barcelona, co que aproveitou para reunirse con eles. Achegámonos ó control de seguridade para preguntarlle a unha amable garda civil se habería algún problema para recollela despois, o que nos fixo ter unha conversa da que saco o seguinte extracto, que os nosos alumnos contemplaban ignorantes na lonxanía entre a curiosidade e a intranquilidade cada vez que os mirabamos:

- Así que estáis de excursión, ¿no? ¿De dónde venís?
- De Lituania. Un intercambio de diez días en un programa de la Unión Europea.
-¡Joder! Estos enanos, cuando yo tenía su edad, en Palencia, nos alegrabamos por salir a cualquier sitio y ahora, cómo viven...
- Sí, ya ves.
...
- La verdad es que aquí vemos cada cosa. Tened cuidado, porque el que menos os imaginéis va a acabar siendo el hijoputa que os la lía cuando menos os lo penséis...
...
- Bien. Pues, gracias y hasta la próxima.
- Nada. Para lo que necesitéis.

Despois de un bo rato, como xa está contado neste blog, empezabamos a aburrirnos, pero o protagonista da viaxe, MP, sacounos do letargo cando oímos por megafonía:

- ¡Última llamada a los pasajeros del vuelo ?????? de la compañía ?????? con destino a Casablanca!
- Vaia, ho! Mira que querer irse agora para Estados Unidos. -sentenciou MP-
- Como? -empecei a dicir mentres iniciaba un ataque de risa que non puiden reprimir mentres me levantaba e ía andando polo aeroporto ante a mirada dos presentes ás bágoas que caían dos meus ollos pola risa co resto da conversa-
- ¡Anda! El resto, que tanto os reís, ¿sabéis dónde está Casablanca? -preguntou outro profe-
- Claro, profe! Como vai estar en Estados Unidos? Está en Sudamérica. -rematou a xogada outro dos alumnos-

E así fomos matando o tempo ata que saímos de Barcelona con tres horas de retraso grazas á Impresentable Compañía, a cal vos recomendo que non utilicedes salvo que a alternativa sexa un carro de bois que teñades que empurrar vós mesmos. Finalmente chegamos ás nosas casas, non sen antes contemplar estrañados a alegría dos pais ó ver que lles traiamos ós seus fillos de volta despois destes días de paz que a seguro lles proporcionamos.

(FIN. I sveikata!)


1 comentario:

Pedrote dijo...

Bigote de Stalin, alto como un mundo, el vendedor de insignias ... ¡¡¡ERA TACHENKO!!!