31/8/10

491. Outro tipo raro


Nun dos posts deste último mes describía a Paul Erdös como tipo raro, e hoxe traio a outro matemático, o que de por si non significa nada, xa que, por exemplo, Ed Gein e Jeffrey Dahmer eran uns tipos moito máis raros do que está tratando o blog e non eran matemáticos, nin siquiera físicos. Iso si, daban moito máis medo, incluso máis que o primeiro da serie de matemáticos raros.

Se Erdös era un tipo peculiar, o noso invitado de hoxe, co aspecto que presenta na foto ou outro, quen sabe, porque non se deixa ver desde 2007, aínda que non creo que asista, é Grigori Perelman (non confundir co gran divulgador científico Yakov Perelman), matemático ruso nacido en San Petersburgo en 1966. Perelman saltou ós medios de comunicación non especializados cando en 2006, no Congreso Internacional de Matemáticas celebrado en Madrid, non se presentou a recoller a Medalla Fields, galardón equiparable no mundo das matemáticas a un Premio Nobel.

O feito, xa sorprendente polo recoñecemento que supón, e aínda máis dada a dificultade de obter o premio xa que o citado congreso celébrase só cada catro anos e os premiados deben ser menores de 40 anos no momento de entregar o premio, e máis aínda se lle sumamos o motivo do premio que foi ter resolto nada menos que a Conxectura de Poincaré, problema que levaba proposto desde 1904 sen solución ata ese momento. (Por certo, este blog e o seu responsable néganse a facer calquera aclaración sobre o tema. A sabedoría do autor ten límites, por estraño que vos resulte).
Algo notable a ter en conta é que resolve este problema como parte da resolución de algo máis amplo, a conxectura da xeometrización de Thurston, problema que entraría en cuestións tan prácticas como a posible forma do universo.

Para os que coñecen a Perelman, todo isto non é demasiado raro, dada a súa actitude contraria a toda notoriedade mediática. De feito chegou a afirmar este ano: “Non quero estar en exposición como un animal nun zoolóxico. Non son un heroe das matemáticas. Nin siquiera son tan exitoso. Por iso non quero que todo o mundo estea mirando para min”. Hai quen di tamén que a frase pode ser unha velada referencia ós dous matemáticos chineses que intentaron apropiarse no seu momento da autoría do descubrimento, pero de momento non o saberemos, xa que o noso protagonista volveu a facer historia ó non presentarse o mes pasado en París a recoller o premio que concede o Clay Mathematics Institute pola resolución dun dos chamados Sete problemas do Milenio (deixo o enlace por se queredes probar sorte, aínda quedan seis), o citado anteriormente da conxectura de Poincaré. Por intentalo non foi, xa que o presidente da Unión Matemática Internacional viaxou a San Petersburgo para tratar de convencelo de que aceptase o premio. O propio Perelman resumía así a entrevista:

"El propúxome tres alternativas:
1) aceptalo e ir París;
2) aceptalo e non ir, e eles mandaríanme a medalla posteriormente;
3) non aceptar o premio.
Desde o principio, díxenlle que elixía a terceira… [o premio] é absolutamente irrelevante para min. Cando todo o mundo entenda que a demostración é correcta, entón non será necesario ningún outro recoñecemento”.


Desta vez, o motivo da notoriedade xa non foi a súa ausencia, senón que o premio que quedou sen recoller ascende a nada menos que a un millón de dólares. As especulacións nos días previos foron constantes, contándose que a súa resposta, a través da porta do seu pequeno apartamento, foi que non tiña necesidades, algo que parecen contradicir os seus veciños, que din que vive coa súa nai e da súa pensión e do que saca dando clases particulares de matemáticas, xa que abandonou o seu traballo no Instituto Steklov en 2003. Outras das especulacións é que segue traballando pola súa conta e incluso que estaría traballando nunha hipotética demostración matemática da existencia de Deus, o que sen dúbida lle daría a ocasión de rexeitar tamén o premio Templeton. Pero a espera de saber se isto son simples lendas urbanas ou algo máis, deberemos limitarnos a admirar a xenialidade deste ruso, do que se afirma incluso ter o CI máis alto nunca rexistrado. O que non é especulación ningunha é que Perelman segue escondido para o mundo e que teremos que conformarnos con respectar esta elección súa, o que de paso continuará alimentando o misterio que o envolve.

Recomendación:

Tamén relacionado coas matemáticas, neste caso como unha das bandas emblemáticas do chamado math rock, Don Caballero e o tema "For respect", primeiro do seu álbum de debut co mesmo título.


26/8/10

487. Individuos e persoas


"Estoy muy orgulloso de estar en la Cope, que nos trata como personas y no como individuos"

(Paco González, periodista deportivo, falando do seu cambio desde a SER)

Por certo, se nos imos ó dicionario da RAE, vixésimo segunda edición:
Persona (1ª acepción): f. Individuo de la especie humana.



479. Todo un pura sangue


O adulto que corresponde ó neno da foto pasou á historia con letras maiúsculas como un dos grandes monstros que puxeron o mundo en perigo, baseando a súa ideoloxía nunha mestura de patriotismo exacerbado e darwinismo social malentendido que expresou no libro "Mein Kampf". Unha das cousas que Adolf Hitler, en iso dexenerou o neno da foto, tiña como consigna era a pureza racial, o que xunto a outros prexuízos convenientemente manipulados serviu para a toma do poder na Alemaña de entreguerras, un país profundamente humillado despois da Gran Guerra e inmerso na crise económica mundial, o que levou ó ascenso imparable do nazismo... pero iso é outra historia e debe ser contada noutra ocasión, que diría Michael Ende.

Como dicía, en 1935, durante o congreso do Partido Nazi en Nuremberg, apróbanse as Nürnberger Gesetze, leis de alto contido antisemita, nas cales se establecían unhas normas de "pureza racial" para distinguir ós xudeus dos "alemáns puros". O que Hitler non sabía, ou tal vez si, con este tipo de xentuza nunca se sabe e non hai máis que ver as fotos dos dirixentes nazis para comprobar canto se parecían a maioría deles ó ideal ario, era o que acaban de desvelar un periodista e un historiador, ambos belgas, é que tal vez o propio Hitler non tería superado os seus filtros raciais. O que se desprende das investigacións de Marc Vermeeren e Jean-Paul Mulders, tras emprender unha busca de familiares do tirano e atopar a trinta e nove deles, incluso a un primo, utilizando mostras de ADN e análises xenéticas, é que posúen un rasgo xenético moi pouco corrente na Europa Occidental, pero pola contra, moi frecuente en pobos norteafricanos e nos xudeus, o que fai pensar que a pretendida pureza racial de Hitler non era tal. Todo isto enlaza coa hipótese, xa lanzada anteriormente, sobre a ilexitimidade do pai de Hitler, Alois, como posible froito dunha relación entre a avoa do ditador e un mozo xudeu, Leopold Frankenberger, na casa do cal traballaba a nai de Alois.

Isto faría que o propio Hitler fose un mischlinge (mestizo) segundo as leis de Nuremberg, o que confirmaría unha vez máis ó longo da historia a relación entre poder e hipocresía, cando non directamente engano. Triste ironía que o responsable último da Endlösung para os xudeus, que de paso levou por diante a enfermos mentais, xitanos, homosexuais e a todos aqueles se apartaban dos canons do ideario nacionalsocialista fose un firme candidato a morrer nos campos de exterminio do seu propio réxime.

Recomendación:

A propósito deste tema, estiven lendo estes días un ladrillo de case mil páxinas e letra non moi grande titulado "Las benévolas", novela do estadounidense Jonathan Littell, na que Max Aue, un ficticio ex-oficial das SS, nos vai contando en primeira persoa e anos despois de ter pasado todo a súa peripecia vital durante a guerra, incluíndo a súa participación en matanzas de xudeus, prisioneiros dos países invadidos, e o seu traballo que o fixo participar en aspectos de organización dos campos de exterminio. Dura e contundente, pero tamén interesante, tanto pola historia do protagonista como pola narración que nos fai do contexto no se desenvolve a acción.


14/8/10

467. Resolución de problemas


"¿Para qué vamos a discutir si lo podemos arreglar a hostias?"

(Oído no traballo)

Recomendación:

Xa que no post anterior citei a Nick Cave como cantante, pero recomendei un libro, neste si vou deixar unha canción súa, "Do you love me?", tenebrosa e contundente como gran parte da súa discografía, altamente recomendable tamén.


463. Ai, ai, ai, que aló imos!


Algo así deberon pensar as persoas que inspiran este post: Annie Edson Taylor e Bobby Leach, os cales aparte da súa bondade, laboriosidade e outras moitas virtudes que non se discutirán neste blog, máis que nada por falta de datos, son coñecidos por algo do que si hai coñecemento: ser os dous primeiros en ter saltado, e sobrevivido, desde o alto das cataratas do Niágara a bordo dun barril.

Annie Taylor (foto da esquerda), unha viúva mestra de danza cunha vida bastante azarosa, decidiu o día do seu sesaxésimo terceiro cumpreanos que a súa vida era demasiado aburrida e sen expectativas, e así e co fin de facer algo novidoso, o 24 de outubro de 1901 embarcou nun barril e lanzouse ás Horseshoe Falls no río Niágara, de onde foi rescatada máis tarde, tras vinte minutos de viaxe, con tan só unha pequena brecha na cabeza. Cóntase que, nada máis ser rescatada, declarou á prensa: "Aínda que fose co meu derradeiro alento, recomendaría a calquera que non intentase isto. Antes iría cara a boca dun canón sabendo que me vai facer pedazos que volver a tirarme polas cataratas".

A "Raíña da néboa", como foi alcumada despois da súa fazaña debido á permanente néboa que forman as cataratas, empezou a gañar algúns cartos facendo fotos co seu barril e contando a súa historia, o que durou pouco, xa que o seu manager fuxiu co barril, gastando ela boa parte da súa escasa fortuna en detectives privados para tratar de localizalo e recuperar o seu prezado medio de transporte. Despois de varios intentos por reflotar a súa popularidade e chegando a cousas tan pintorescas como tratar de vivir da Bolsa, exercer como clarividente ou proporcionando tratamentos médico-magnéticos ós habitantes da zona, faleceu en 1921.

Alguén que non se tomou moi en serio as advertencias de Annie Taylor foi Bobby Leach, e máis, non tivo o menor reparo en proclamar que o faría mellor que ela. Antigo empregado do circo Barnum & Bailey, Leach xa fixera algunha tentativa curiosa navegando polos rápidos do río Niágara, pero o 25 de xullo de 1911 deu o salto definitivo, nunca mellor dito, ó lanzarse no seu barril polas cataratas. A pesar do seu aspecto de serenidade e confianza da foto que vemos máis abaixo, na que o vemos sentado no seu barril-acoirazado meses máis tarde do salto, a fazaña custoulle seis meses de recuperación, unha mandíbula e as rótulas fracturadas, e a presenza dunha nova compañía, o seu bastón.
A partir de aquí, Leach emulou tamén a Annie Taylor vivindo de contar a súa aventura, pero ó contrario desta, Leach tivo un final peculiar, incluso podería dicir que ridículo despois do que levaba vivido. Durante unha xira publicitaria por Nova Zelanda, resultou ferido nunha perna ó escorregar sobre unha pel de laranxa, a perna infectouse e tivo que ser amputado dela, o que non impediu que a infección se estendera, morrendo dous meses máis tarde, en abril de 1926.



Non debería pechar o post sen comentar que a lista de xente que buscou a gloria, a aventura, o risco ou vaia un a saber o que, é inmensa, igual que as formas de facelo, polo que se alguén ten curiosidade, deixo este enlace (en inglés) no que podedes empaparvos de coñecemento inútil, tal e como ten este blog por bandeira.

Recomendación:

Unha historia que rematei de ler onte e que tamén vai encamiñada rumbo á autodestrución do seu protagonista é a que conta Nick Cave, polifacético cantante australiano, na súa segunda novela, "A morte de Bunny Munro". A historia dun vendedor de cosméticos a domicilio, obseso sexual, que ten como punto de partida a morte por suicidio da súa muller e que nos irá levando de forma desbocada a un impactante final.


12/8/10

461. Un tipo raro


Os matemáticos (e aqueles ós que nos gustaría chegar a tal categoría) son xente rara, baste como exemplo algún post anterior deste blog. Pero aparte das veleidades explosivas de algunhas persoas, hai seres máis inofensivos para o mundo realmente xeniais, e como exemplo, hoxe imos coñecer a Paul Erdös. Este húngaro, realmente chamado Pál Erdős, aínda que o seu nome se adaptou ó inglés, naceu en nunha familia xudea en 1913, en Budapest, fillo de profesores de matemáticas, o seu talento era tal que ós catro anos era capaz de facer cálculos como saber cantos segundos levaba vivindo unha persoa. Debido á morte de dúas irmás pouco antes do seu nacemento e a que o seu pai estaba preso en Siberia ó ser capturado na I Guerra Mundial, a súa nai foi extremadamente protectora e non empezou a ir á escola ata tarde, tendo incluso un titor persoal para ensinarlle no seu domicilio.

A Hungría da época non era un lugar excesivamente acolledor para os xudeus, especialmente despois do ascenso ó poder de Miklós Horthy en 1920, rexente, e de facto, ditador do país ata 1944, sendo un precursor e logo fiel colaborador de Adolf Hitler. A pesar de tódalas discriminacións antisemitas, Erdös foi desenrolando unha brillante carreira académica e, co doutorado baixo o brazo, en 1934 emigrou a Inglaterra, e en 1938, a Estados Unidos, onde ocupou un posto na universidade de Princeton.

Aquí iniciou un dos seus costumes máis peculiares, e fructíferos cientificamente falando, a de facer continuas visitas a matemáticos de outros lugares, costume que mantivo ata a súa morte. Debido isto, estableceu unha gran rede de contactos científica (hoxe en día tería arrasado en Facebook), o que máis tarde lle trouxo problemas, en concreto durante a caza de bruxas anticomunista de McCarthy, debido á correspondencia que mantiña con un matemático chinés.

Debido ós problemas coas autoridades, denegación de visados, restricións para viaxar, etc., Erdös marchou dos Estados Unidos e residiu parte da seguinte década en Israel. Todo isto non foi incoveniente para continuar desenvolvendo unha produción científica só superada na historia por nada máis e nada menos que Euler.

Todo o anterior, de por si xa configura unha existencia sumamente interesante, pero se ademais lle sumamos as súas peculiaridades da vida diaria, entón xa temos un ser excepcional, para o bo e o malo. Erdös tiña un gran desapego polo material, proba diso os escasos 25000 dólares que posuía ó morrer e o feito de andar sempre cunha maleta como única posesión. A maioría dos cartos que ingresaba estaban adicados a axudar a estudantes xoves ou a establecer premios para a resolución de problemas matemáticos que el mesmo propoñía. Totalmente desarraigado do trato familiar, nunca chegou a ter unha familia, tendo incluso repulsión a todo tipo de contacto físico, tanto sexual como un simple roce pola rúa. Aloxándose en casas de amigos nas súas interminables viaxes, o seu ritmo de traballo era frenético, unhas 19 horas diarias, sustentadas por cantidades industriais de café. Ó respecto, chegou a afirmar: "Terei tempo de sobra para descansar cando estea na tumba".

A súa deixadez era tal que moitas veces andaba desaliñado, e incluso os seus amigos se encargaban dos seus asuntos diarios, como a compra ou as declaracións de impostos, para evitar que acabara como un vagabundo e permitindo que tivera un final de vida digno, o que se produciu en 1996 mentres asistía a unha conferencia en Varsovia.

A cantidade de matemáticos cos que chegou a colaborar fixo que se acuñara o concepto do número de Erdös, consistente en comprobar a proximidade dun matemático a tal figura. O cero está reservado ó propio Erdös, o 1 a aqueles que colaboraron con el, o 2 ós que colaboraron con algún colaborador del e así sucesivamente.

Actualización:
Xa que estamos co tema matemático, actualizo aquí o post do 19/8/2009 no que informaba do récord de cálculo de decimais do número pi.

Recomendación:

O verán amodorra profundamente, así que para espabilar, hoxe vai quedar aquí un tema de Metallica, que ademais apunta un bonus na recomendación dado que me permite lembrar o relato de H.P. Lovecraft no que está inspirado, "The call of Ktulu", do disco de 1984 Ride the Lightning.

Unha vez mencionado, e por se acaso se mosquea:
Ph'nglui mglw'nafh Cthulhu R'lyeh wgah'nagl fhtagn!


9/8/10

457. Fin de emisión


"Para manter a política da canle 40 de traerlles o último en materia de sangue e entrañas, e a toda cor, aquí teñen outra primicia: un intento de suicidio"

(Christine Chubbuck, presentando as novas o 15/7/1974)

Recomendación:

Despois de tan macabra declaración de intencións, e ó mesmo tempo constatación de que a televisión que padecemos aínda non tocou fondo, imos tratar de relaxar o post. A tal fin, nada mellor que "All is violent, all is bright". Tema que da nome ó segundo disco (2005) da banda irlandesa God is an Astronaut.

5/8/10

449. Pequenos perigos


"En estos días de verano hay que estar muy atentos a los peligros de la playa: las medusas, los niños..." (sic)

(José Ribagorda, hoxe en Informativos Telecinco)

Recomendación:

Como perfume en frasco pequeno xa queda a frase anterior, así que vou compensar con un loooooongo tema musical, "Simple Headphone Mind". Unha das miñas debilidades, Stereolab, colaborando coa peculiar banda inglesa Nurse with Wound.


2/8/10

443. En busca da fe


(Por incrible que pareza, aquí comeza o segundo ano deste blog)

Hai xa bastante tempo, neste blog anticipouse un post relativo ás novas relixións, pero diversos episodios de procrastinación inversa (por unha vez descoidei o accesorio e púxenme co que debía facer) foron postergando isto. Pero agora, procrastinando respecto á preparación dunha asignatura do vindeiro curso, empezo a lembrar unha peculiar historia que sirve de introdución:
Tiven un amigo que non cría no matrimonio, era ateo militante e odiaba as xuntanzas folclórico-familiares, pero, marabilla de marabillas, un día apareceu cunha invitación de última hora para o seu casamento. A miña sorpresa, nula porque era algo que se vía vir, empezou a manifestarse cando empezou a argumentar os detalles do evento. O do casamento ("é que a ela faille ilusión"), pola Igrexa ("bueno, si, pero o cura é comunista..."), pase, pero o dos trescentos invitados ("temos algúns compromisos") e o dos gaiteiros á saída da misa tocando nunha carballeira (só xustificable polos pinchos e o fresquiño do lugar) foron o punto culminante do surrealismo co que o por aquel entonces amigo meu puxo fin á súa vida de solteiro.

Isto suxire, a todas luces, unha grave desorientación espiritual, e como xa se ten feito outras veces neste blog, a vocación de servizo a outras persoas faime suxerir unha nova fe, firme, segura e fiable (ou polo menos tanto como moitas outras previamente existentes). Aló imos!

A historia de hoxe comeza pouco despois do casamento arriba relatado, cando o Consello de Educación do estado de Kansas, a finais do 2005 e a proposta de grupos políticos e relixiosos ultraconservadores, autorizou o ensino da teoría do deseño intelixente como alternativa (unha forma encuberta do creacionismo) e complementaria á teoría da evolución. Pouco despois o noso protagonista de hoxe, Bobby Henderson, a modo de protesta contra esta medida "educativa", envía unha carta ó citado organismo na que expón a súa crenza nunha entidade creadora sobrenatural, o Monstro de Espagueti Voador (FSM, siglas inglesas), un ente con forma de bola de espaguetis con albóndigas. Utilizando os mesmos conceptos de indemostrabilidade que moitas relixións, Henderson equiparaba a crenza no FSM coa teoría do deseño intelixente e solicitaba o ensino do seu credo en igualdade de condicións coas outras teorías nas escolas do estado. A pesar de que a lei do estado que permitía estes desatinos educativos foi derrogada ó ano seguinte, o pastafarismo xa tivera unha ampla repercusión mediática e seguiu adiante co seu percorrido entre a xente.

 (A Creación... coa participación do FSM)

Partindo de razoamentos que poderiamos considerar análogos ós da Teteira de Russell, ou da Unicornio rosa invisible, Henderson asenta os principios da súa relixión e ofrece unha cómoda alternativa ás relixións tradicionais, e tan imposible de rebater como estas, para que negalo.

Por todo isto, e para axudar a seres tan erráticos desde o punto de vista espiritual, desde hoxe este blog proclama a súa crenza (en caso de ser necesario ter algunha) no FSM, e xa que o tema do estado laico vai ter que esperar, de momento anima ós seus lectores a unirse a esta noble causa de loita contra a pseudociencia e o fanatismo relixioso.

Para que non haxa dúbidas, aquí queda un razoamento xustificando esta nova fe:
"Pódese imaxinar o ser máis grande (do que non se poida imaxinar un máis grande). Si non existe un ser a partir do cal non se poida imaxinar un máis grande, de todos modos poderíase imaxinar un máis grande que ese ser do cal non se podía imaxinar un máis grande (ou sexa, un ser a partir do cal realmente xa non se poida imaxinar un máis grande). Non é posible imaxinar un ser máis grande que un ser do cal xa no es posible imaxinar un máis grande. Polo tanto, existe un ser do que non se pode imaxinar un máis grande. Se ese ser non ten un Apéndice Tallarinesco, entonces poderíase imaxinar un ser máis grande que ese ser: un que tivera un Apéndice Tallarinesco. Polo tanto, o ser do que non se pode imaxinar un máis grande ten un Apéndice Tallarinesco. Polo tanto, o ser do que non se pode imaxinar un máis grande ten un Apéndice Tallarinesco e existe. Polo tanto, o Monstro de Espagueti Voador existe. Polo tanto, o Monstro de Espagueti Voador é todopoderoso."

Ramén!

Recomendacións:

"Fue la primera vez en mi vida que me acosté en una cama. Cuántas veces había soñado con ello en las frías noches de invierno, cuando me revolvía, con los dientes castañeteando sobre la paja húmeda. Pero ahora tampoco me sentía feliz en ese lecho. En aquel mullido abrigadero comprendí enseguida que mis planes de fuga se esfumaban, porque... ¿adónde iba a ir en pleno invierno, cuando no tenía nada ni a nadie en el mundo, ni siquiera unos calzoncillos desgastados? No obstante toda mi hombría, un agua salada empezo a brotarme de los ojos y me dormí como un bebé que concilia el sueño entre sollozos."
  • Esta pasaxe é do libro que veño de rematar de ler, "Tentación", de János Székely, o que sería a primeira parte dunha triloxía de tintes autobiográficos, que transcorre nos anos 20 do século pasado que nunca chegou a ter segunda nin terceira partes debido á morte do autor. Neste libro cóntasenos a primeira parte da vida, ata os dezasete anos, de Béla R., e as súas peripecias para sobrevivir á miseria na Hungría do período entre as dúas guerras mundiais.
  • E como hoxe estamos de aniversario blogueiro, tiramos a casa pola ventá e deixo aquí unha segunda recomendación, neste caso musical, dunha banda, Kula Shaker, que tamén adornou o seu disco de debut con un interese pola cultura india e a súa espiritualidade. Aquí queda o primeiro tema do álbum: "Hey Dude".