8/10/09

59. A sociedade industrial e o seu futuro


Baixo este título (texto completo), Theodore J. Kaczyinski (o neno da esquerda) publicou as súas ideas no tocante á sociedade na que vivimos, tendo como ideas principais a repulsa pola sociedade tecnolóxica e os problemas que conleva, a perda de liberdade do individuo causada por dito sistema, e finalmente a conclusión da necesidade do sistema tecnolóxico e industrial no que vivimos, marcando as liñas de actuación que conducirían a ese obxectivo.

Ata aquí, non temos ningún problema, estas ideas xa teñen sido longamente expostas por grupos ideolóxicos como os luditas, ou posteriormente os anarcoprimitivistas.

O problema aparece porque este texto foi publicado en 1995 baixo coacción en The Washington Post e The New York Times, coacción que se resume na oferta de abandono da actividade terrorista do seu autor a cambio da publicación do texto dunhas 35000 palabras. Esta foi a petición de Unabomber, alcume polo que ata ese momento era coñecido Ted Kaczyinski para os cidadáns dos Estados Unidos, e temido como o por aquel entonces terrorista máis buscado do país (había unha recompensa de un millón de dólares por el).

O porque Ted Kaczyinski (como din os vellos, xa tiña pinta de terrorista na foto) pasou a ser un terrorista é aínda hoxe unha incógnita. Nacido en 1942, destacou durante a súa formación universitaria, graduándose en Harvard (a onde accedeu con 16 anos) e doctorándose posteriormente en Matemáticas na universidade de Michigan. As súas capacidades e talento pódense reumir en frases como: "Non é suficiente dicir que era listo", dita por un profesor seu que viu como Kaczyinski resolvía un problema que él non foi capaz; ou "É posible que só unhas dez ou doce persoas neste país sexan capaces de entender ou apreciar este traballo", pronunciada por un dos membros do tribunal que avaliou a súa tese doutoral.
A intelixencia de Kaczyinski, avaliada nun CI de 167 durante a súa etapa escolar, o que lle fixo ser adiantado un curso, e ser branco das bromas de nenos maiores, era abrumadora, a de un aténtico xenio, pero esto non explica que en 1969, dous anos despois de conseguir un posto de profesor axudante na universidade de Berkeley, dimitira do seu posto e máis tarde se retirara a vivir na soidade dunha cabana nos bosques en Lincoln (Montana), cortando tódolos vínculos coa súa familia e practicamente coa sociedade, sen máis ingresos que os cartos que recibía da familia, nun lugar sen auga nin electricidade.
En 1978, un paquete bomba de fabricación caseira chega a un profesor de universidade, ferindo a un vixilante. Outros dous paquetes nese mesmo ano, para un estudante da mesma universidade, e nun avión de United Airlines, forzando unha aterraxe de emerxencia. A conta continúa aumentando ata 1985, cando se produce a primeira morte e chega ata 1996, totalizando un número de 16 bombas, 3 mortos e 23 feridos de diversa consideración.
A captura de Unabomber prodúcese en 1996, cando o seu irmán David (o anano da dereita da primeira foto), recoñecendo o estilo de Ted no seu escrito, coñecido desde o inicio como Manifesto Unabomber, comunica as súas sospeitas ó FBI, que, despois de 18 anos de busca, consegue detelo e procesalo.
En total, catro cadeas perpetuas tras un trato coa fiscalía, o que o librou da pena de morte polos cargos de terrorismo e asasinato. Ademais influíu a alegación de transtornos mentais e o traballo dos avogados defensores.
Xunto a todo o anterior, engadir que Ted Kaczyinski é xa unha icona da fascinante cultura popular estadounidense, coa venda de todo tipo de artigos, e referente de outros grupos non tan graciosos como os de ultradereita que respaldan accións como a súa ou o atentado de Timothy McVeigh en Oklahoma, con 168 vítimas nun ataque a un edificio federal.

Demasiada xenialidade, maldade, inadaptación. Quen sabe?

Recomendacións:
  • Tede coidado cos matemáticos. Teñen o seu corazonciño, pero nunca se sabe o que pode facer un especimen irritado de dita especie armado con un Quimicefa e un folio cuberto de ecuacións. E se levan calculadora, malo, malo.
  • Unha historia parecida foi contada por Paul Auster en "Leviatán" e desde aquí anímovos a ler a peripecia do seu protagonista, Benjamin Sachs.

No hay comentarios: