Corría o mes de Xaneiro da temporada 1992-93 da liga de baloncesto universitario dos EEUU, a famosa NCAA, cando no seu programa de televisión dos domingos de media hora de duración, Bobby Knight, mítico adestrador da Universidade de Indiana (os coñecidos Hoosiers, cos que, por exemplo, gañou o título de 1976 cunha marca de 32 victorias e 0 derrotas) que atendía as preguntas dos xornalistas, interrompeu a pregunta dun deles para dar unha primicia que dicía podía cambiar o destino do equipo: estaban a punto de fichar a Ivan Renko, un descoñecido croata de 2'07 m de altura e 104 kg de peso, xogador dunhas condicións técnicas asombrosas; o tema estaba case feito e ademais víase facilitado pola guerra dos Balcáns, o que facía que a saída do país fose incluso apetecible para o xogador. Dando máis detalles, contou que soubo do xove portento durante o verán anterior a través dun adestrador español ó que coñecera facía uns vinte anos.
O bombazo estaba servido, aínda que había problemas, o sistema de acceso á NCAA e algo complicado e ademais a plantilla de Indiana xa estaba pechada, pero esto eran pequenas minucias para a bóla de neve que empezaba a rodar imparable cara un grupo de persoas, os scouts (cazatalentos deportivos). Porque, efectivamente, a nova non era casual, estaba dirixida, tan dirixida que era falsa, Ivan Renko NON EXISTÍA! Pero aparte de algunha sospeita, o único que sabía a verdade era o propio Knight, que o debía estar pasando en grande vendo o circo que montara.
Houbo "expertos" que empezaron a dar todo tipo de opinións sobre o xogo de Renko, as súas cualidades, defectos, características, etc. Un fan do equipo que traballaba no aeroporto e afirmaba ter visto nunha lista de embarque o nome do xogador, o que facía supoñer como algo inminente a súa chegada. Outros chegaron a falar do Larry Johnson branco, esto xa eran palabras maiores, aínda que a chegada ó cumio do despropósito foron as declaracións dun coñecido scout, Clark Francis, que afirmaba ter visto xogar a Renko e que "non era para tanto". Outro chegou a negar nun programa pola noite a súa existencia para afirmar á mañá do día seguinte que existía e a fichaxe estaba practicamente feita.
Os días foron pasando e o portento balcánico non aparecía, todo o mundo sospeitaba do engano, pero Bobby Knight pasou á ironía: "Creo que o éxito que coroará a miña carreira será poder adestrar a Ivan Renko", ou como se desfixo del, eso si, sen admitir o engano (cousa que só fixo anos máis tarde, incluso adica un capítulo da súa autobiografía a este asunto): "Non sei como me vou amañar con el, coa boa prensa que ten. De feito, estou pensando honestamente en non deixar que veña para o equipo"
En fin, unha gran perda para o baloncesto, aínda que non a única, podedes indagar na rede sobre Eusebio Ariel Frodosini e a historia de como foi inventado. Ou ben, se tedes algunha curiosidade polo béisbol, tampouco estaría de máis coñecer a Sidd Finch, fantástico xogador dos anos 80. E para rematar, a espectacular uzbeka, Simonya Popova, destinada no outono de 2002 pola revista Sports Illustrated a arrasar nas pistas de tenis do mundo enteiro, tan virtual a súa historia como a súa foto, creación de ordenador.
Recomendacións:
- Non por falso, senón polo asombrosas que poden ser algunhas das súas historias, recomendo ler "Error humano", de Chuck Palahniuk (algún día volverei sobre el), colección de artigos tan bizarros como o que conta o Festival do Testículo de Rock Creek Lodge, Montana, ou o combate anual de colleitadoras que ten lugar en Lind, pobo de 462 habitantes no estado de Washington. No libro aparecen ademais vivencias persoais, como o relativo ó asasinato do seu pai, e unha parte con entrevistas a persoaxes tan peculiares, e interesantes, como Marilyn Manson.
- Na parte musical, a estremecedora versión de "Sweet dreams (are made of this)" de Eurythmics por parte do propio Manson.
2 comentarios:
Abraiante!! Parabéns polo blogue, com entradas bem constroidas, bem redigidas (o qual nom é frequente nestes tempos, e bem interessantes. Saúdos!
No conocía la historia de Ivan Renko, pero viniendo de un tipo que enseño su culo a los periodistas por la ventanilla del avión, me creo cualquier cosa.
Cabe suponer que el entrenador español amigo de Knight era el finado Antonio Díaz Miguel (enemigo acérrimo de la linea de 6'25). Tal para cual.
P.D.- En el perfil, ponte Susopremo. Es más real ...
Publicar un comentario