skip to main |
skip to sidebar
Tranquilidade, non vou falar de aquel truño de programa que presentaba Garci, que coa escusa de ver unha película xuntaba a un grupo de entendidos e/ou pedantes, e no medio dunha densa néboa tabaqueira pasaban unha hora ou dúas dándolle voltas ata límites insospeitados. Cabe dicir que, ás veces, o truño era a película en si e o debate podía ser ata entretido.
Hoxe vou referirme á grandeza que supón a necesidade de vender, neste caso películas, por parte dos avispados produtores de Hollywood. Abro un libro e empezo a ler: "Me estoy quedando calvo -pensó Anderton al ver a ese joven-. Calvo y gordo y viejo".
Así empeza "El informe de la minoría", novela curta de Philip K. Dick na que se inspira o filme Minority Report. A vida do autor merecería outro post, pero de momento hai que conformarse co enlace wikipédico. Na foto que temos sobre estas liñas, podemos ver a ese calvo, gordo e vello que nos ensina a película. O outro día estiven lendo a novela, atopeime coa primeira frase, e quedei fascinado pensando "co fácil que era coller a Danny de Vito", sería unha adaptación fiel a máis non poder.
Recomendacións: - Calquera cousa que poidades ler do propio Philip K. Dick, algunhas levaron a adaptacións tan célebres como Desafío Total (baseada no relato Podemos recordarlo por usted al por mayor) ou Blade Runner (a partir de ¿Sueñan los androides con ovejas eléctricas?; aínda estou buscando onde estaba o protector xenital de plomo que debería vestir Rick Deckard). Por suposto, a propia Blade Runner (interesante páxina).
- Outra marabilla da ciencia-ficción como é Solaris, novela de Stanislav Lem, que tamén foi levada ó cine. Nada de ver a versión protagonizada por George Clooney, hai que ir ás fontes e ver a orixinal dirixida por Tarkovski en 1972 (lástima de recorte na versión inicial de tres horas, co entretido que é o cine soviético).
Fai unha semana empezamos as clases. Estaba eu o primeiro día presentándome ós meus titorandos, encantador grupo (o de estudiar xa é outro tema), cando como por casualidade e despois de, como é habitual, estar debatendo sobre elevados temas como a Solarística, as saídas da crise económica actual e outras cuestións de similar calado, tivemos a seguinte conversa (as cursivas son as miñas frases):
- Non estou seguro, pero ó mellor falto un mes a partir da semana que ven, co cal xa vos deixarei un par de normas claras para as clases durante a miña ausencia.
- Que ben vives! Así calquera!
- Sabes a que nos van mandar? A ver se volve XXX(*).
- Quen?
- XXX, o que estivo o ano pasado no sitio de YYY(**).
- Ah! Non, seguro que mandan a alguén normal!
(Silencio. Como arreglo esto? Pensa, cerebro. Pensa!)
- Profe, estás dicindo que XXX era subnormal?
- Cooomoo? Claro que non.
- Non, home! Seguro que quixo dicir que era anormal.
- Eu non dixen tal cousa. XXX era algo raro e punto.
- Ah, vale.
(Arreglado. Ou non.)
Resumindo, e como ben dixo alguén a quen saúdo desde aquí, pero non mencionarei o seu nome para protexer a súa honra (de destrozala xa se encarga el): "Tiven un deses momentos de sinceridade inconsciente que me matan".
(*)(**) Vale, xa sei que non é moi imaxinativo o de XXX e YYY, pero se poño alcumes, igual sae a sinceridade inconsciente a pasear outra vez e entonces si que non hai quen o arregle.
Recomendacións:
- Como a sinceridade está tan ben valorada, alá cada un co que diga, eu xa avisei de algunha das posibles consecuencias. E para pasar un rato interesante vendo a onde pode levar todo o contrario, tal como é a construción dun mundo irreal cimentado sobre unha cadea infinita de mentiras, está a novela "El adversario", de Emmanuel Carrère, baseada na investigación do caso real de Jean-Claude Romand, cidadán francés que asasinou a toda a súa familia en 1993, feito que, dentro xa do seu propio horror, aínda foi máis extraordinario dadas as circunstancias que rodearon a este crime.
- Pechando este post, e falando de min, que para algo é o meu blog, vou poñer unha bonita canción para o meu neno, que naceu o luns, e a súa nai, que o ten máis que merecido. E como me encantaban The Smashing Pumpkins, para eles vai "Mellon Collie and the Infinite Sadness", canción que abre o álbum do mesmo título. Un montón de bicos para os dous.
Así é, despois de varios días de busca por parte dos servizos de rescate, confírmase a nova que se temía: Yoshito Usui, creador de Shinnosuke Nohara e a súa familia e demais persoaxes do manga Crayon Shin-Chan, apareceu morto onte tras levar desaparecido desde o día 11, cando saíu a facer sendeirismo polo monte Arafune. O home que fixo que a cidade de Kasukabe teña como símbolo a Shin-Chan deixa así soa a tan peculiar familia, e a algúns de nós co recordo dos divertidos ratos que temos pasado seguindo as súas aventuras e tarareando a súa música, o que ben fai que se mereza que escriba un post como este para recordalo.
Esta inocente criatura foi criticada e/ou considerada unha ameaza por certos sectores da sociedade: "...síntesis gráfica de esa infancia salida, asilvestrada, insumisa y escatológica...", "un mal ejemplo para la juventud y la infancia", "un compendio de contravalores". En fin, moita ignorancia por parte de moitas persoas, programadores televisivos incluídos, que aínda asocian debuxo animado con nenos. Supoño que moitos non saberán o que é o hentai, porque senón intentarían que os lapis, portaminas e similares só se vendesen amosando o DNI.
Para rematar, un saúdo alá onde estea e que descanse en paz.
Recomendacións:
- Como é lóxico, hoxe toca cómic, pero dado que o manga non é unha das miñas preferencias, vou recomendar "Persépolis" de Marjane Satrapi, historia dos recordos da súa infancia e xuventude co telón de fondo da Revolución de 1979 que transformou a Irán nunha república islámica, e que nos recorda perigosamente ás informacións que chegan hoxe en día deste país.
- Para intentar alegrar un pouco o post, "Sweet soul revue", dos xaponeses Pizzicato Five. Un deses exemplos que nos chegan de vez en cando dese país e que nos fai pensar se alí viven persoas ou debuxos animados.
Onte saíu en varios xornais unha entrevista co montañeiro italiano Reinhold Messner (tamén hai versión en español deste enlace, pero é moito máis breve), co motivo do seu 65 cumpreanos, na que a maioría deles destacaban dentro de todo o que dicía o seguinte titular (ou peores): "Reinhold Messner quere ser comido polos voitres" (ver exemplo, a entrevista completa está en alemán no diario Bild, pero o meu alemán, de momento, non da para tanto). Antes de pensar que o home sufríu mal de alturas, aclaremos que se refire a unha vez despois de morto, e a razón é o apego ás terras e costumes do Tíbet.
Un deses costumes é o funeral celeste, jhator en tibetano, que significa literalmente "dar a alma ós paxaros", o enlace está en inglés, así que procedo a resumir este costume funerario propio do budismo tibetano:
Despois de velar o morto ata que os familiares consideran que a alma se pode ter reencarnado morte, os familiares do falecido levan o cadáver a un rogyapa (descuartizador de cadáveres) que se encarga de cortar a pel e separar a carne dos ósos para alimentar ós paxariños, tarefa que moitas veces se desenvolve sen solemnidade algunha, o que segundo as ensinanzas budistas facilita o tránsito da alma. Despois, os ósos son entregados ós familiares, que se encargan de machacalos e trituralos, mesturándoos con tsampa (unha mestura de fariña de cebada, té e leite de yak), para que os voitres dean boa conta deles e non quede resto algún dos despoxos do que unha vez foi unha persoa, pero agora só é considerado unha carcasa inútil e baleira.
Todo esto está resumido no seguinte vídeo, sacado da serie documental "El laberinto del Tíbet", pero xa o contei case todo, aviso porque non é para estómagos delicados. Tal vez sirva para reflexionar sobre o valor dun enterro católico tradicional pragado de sacerdotes, flores, e demais aditamentos sociais da morte na nosa civilización. Nin mellor, nin peor, distinto.
Recomendacións:
- Non toca libro, nin música, por se a reflexión anterior conduce a algo máis, aquí vai unha opción, a doazón de órganos, ver páxina da Organización Nacional de Transplantes.
- Para ampliar máis a visión do mundo, podemos ler un clásico entre os clásicos, plagado de acción, violencia e persoaxes singulares. Quen da máis? O Libro das Marabillas, máis coñecido polo nome do seu autor, o veneciano Marco Polo. (Como curiosidade macabra, ainda lembro outro rito funerario que o autor sitúa no reino de Dragoyam, en Sumatra, no que os familiares do difunto facían un caldo ou guiso con el e logo facían que estivera con eles, dentro para ser exactos, para toda a eternidade. O peor é que cando alguén estaba enfermo grave, se os curandeiros ou magos opinaban que non tiña salvación, eles mesmos se encargaban de transformalo en cadáver).
Cal é o volume total do sangue de tódolos seres humanos do planeta?
Supoñendo unha media de 3'78 l por persoa (incluídos nenos e calquera outra variante), chegamos aproximadamente a uns 24.570.000 metros cúbicos, o que nos levaría á conclusión de que cabe nun cubo de 291 metros de aresta.
Se se duplicara o salario de tódolos profesores de matemáticas, que efecto tería na educación e na sociedade en xeral?
Non está avaliado, pero paréceme unha gran idea. Para ser exacto, unha excelente idea.
Cales son as dez áreas da Matemática máis difíciles de comprender?
Cando das clase pensas que tal vez o teorema de Pitágoras pode esconder arcanos misterios só accesibles a iniciados en ciencias ocultas. Pero hai cousas peores, non darei toda a lista, pero algo que se chama Cohomoloxía motívica non pode ser fácil de entender.
Quen foi S. A. Ramanujan?
Un dos xenios matemáticos máis peculiares da historia (ver biografía). Se en vez de ser da India fose occidental, Hollywood tería arrasado as taquillas coa súa vida.
Cales son os números máis raros e por que son tan importantes os números primos?
Esta pregunta ten trampa, porque habería que decidir o que consideramos como raro, pero, por exemplo, que tal os numeros amigos, os vampiros ou os malvados e outros tipos?
En canto ós números primos, a ler o artigo wikipédico. Por se alguén se perde, son fundamentais no cifrado de datos e comunicacións, e polo tanto na seguridade de ambos. Tamén se pode consultar en "Los códigos secretos" (ver post anterior).
Todo esto e moito máis e o que se pode atopar nos libros de Clifford A. Pickover "El prodigio de los números" e "La maravilla de los números", libros que estaban na colección "Desafíos matemáticos" que saíu fai un par de anos.
Recomendacións:
- Agora que estamos en plena época e antes de caer na tentación de iniciar coleccións fasciculares terroríficas, ben podemos intentar ler cousas deste estilo, aínda que ideas non poden faltar, por exemplo: AbanicArte, La casa de la pradera, Hansel y Gretel en porcelana, Mil ideas de ganchillo, ou por que non, La guía esencial de la belleza. (Teño que confesar que boto de menos aquelas marabillas como Construye tu casa rústica mediterránea. Ah, que tempos!)
- Para rematar con sensatez, deixo un par de vídeos de 65daysofstatic, grupo de post-rock, incluído dentro da corrente chamada math rock. Do álbum "One time for all time" (2005), o tema "Drove through ghosts to get here", e do álbum "The fall of math" (2004), "Another code against the gone" e o primeiro single, "Retreat, retreat!".
Veño de ler estes días unha interesante nova sobre Alan Turing, a mobilización a favor da súa rehabilitación e incluso unha desculpa pública por parte do goberno británico polo trato recibido por este xenio matemático da primeira parte do século XX. (Nota: Só poden asinar cidadáns británicos. Reflexión: Por que no noso país non se pon en marcha un mecanismo similar de protesta? Tal vez a política estaría máis próxima ó cidadán).Como podemos ver na súa biografía, Alan Turing foi un importante matemático e poderiamos dicir que un dos pais da computación moderna. Ademais formou parte do equipo de criptógrafos encargados durante a Segunda Guerra Mundial de desvelar os métodos de cifrado alemáns, e especialmente os da máquina Enigma, o que, segundo algúns historiadores, axudou a acurtar a duración da guerra.Despois da guerra, traballou na universidade de Manchester, onde desenvolveu software para unha das primeiras computadoras da historia, o Manchester Mark I, considerado como o primeiro que funcionou con memoria RAM, uns 1'25 K, que para o seu momento era unha marabilla. En 1950 ideou a chamada proba de Turing, procedemento que abre a porta para determinar se unha máquina ten intelixencia propia, o que sería o recoñecemento inequívoco da existencia da intelixencia artificial.
Pero, en 1951, apareceu a preocupación que moitas persoas teñen amosado ó longo da historia por saber con quen nos deitamos, e o peor, opinar e xulgar acerca do tema. Turing foi vítima dun roubo na súa casa, roubo que denunciou á Policía. A historia do roubo foi a seguinte: Turing tiña un amante, Arnold Murray, o cal mantiña relacións sexuais na súa casa con algúns homes. Murray, ademais, tiña un cómplice que estaba informado das noites nas que as casas destes homes ían estar desertas, e polo tanto, listas para o roubo, roubos que supoñía non serían denunciados polas circunstancias sexuais que implicaban. A pesar de esto último, Alan Turing denunciou o roubo e a Policía considerou máis interesante toda variante sexual (neste caso homosexual) do tema, sendo Turing procesado en 1952 pola mesma lei (cargos de indecencia e perversión sexual) que a finais do século anterior Oscar Wilde fora condenado a dous anos de traballos forzados no cárcere.Condenado, ofrecéuselle a posibilidade de evitar ir a prisión a cambio de someterse a un tratamento de castración química para curarse. Tivo que deixar de traballar para o GCHQ, a súa reputación foi totalmente arruinada pola publicidade do caso e incluso se lle chegou a prohibir saír do país. Con 41 anos e sumido nunha profunda depresión (o corpo deformado polos estróxenos, medráronlle os peitos, engordou, volveuse impotente), e absolutamente desacreditado, foi atopado morto con unha mazá parcialmente mordida ó seu carón, mazá que previamente foi envelenada con cianuro. Suicidio? Todo apunta a que si, pero nunca quedou probado definitivamente, o que fixo florecer as máis diversas teorías con máis ou menos verosimilitude sobre a súa morte.Cabe destacar que, de todas formas, continuou co seu traballo na universidade de Manchester, e que houbo compañeiros de profesión que protestaron polo trato dado a Turing, rexeitando algún deles, aínda en vida del, o nomeamento de sir. Tratamento que reclaman hoxe, na petición mencionada ó inicio, a título póstumo, para o propio Alan Turing. (Lástima non ter a dobre nacionalidade para poder asinar).Actualización (13/9/09):Parece que aínda queda algo bo neste mundo, non é un xesto grandilocuente, pero despois de case sesenta anos pódese considerar como un paso interesante que o Primeiro Ministro, Gordon Brown, emita un comunicado oficial pedindo desculpas. A ver se é o primeiro paso para unha rehabilitación completa da memoria deste home.Recomendacións:- Se alguén quedou con curiosidade polo proceso de descifrado dos códigos da máquina Enigma, pode ler o capítulo 4 do libro "Los códigos secretos" de Simon Singh (ou todo o libro, que non pasa nada, en serio, non morde).
- Tamén hai algunha película, como Enigma, ou incluso, unha curtametraxe e un telefilme ingleses. Pero para deixar un bo recordo do post, e aproveitando que falei de Manchester, aquí quedan os Stone Roses, e a súa canción "Love Spreads" do seu segundo e último disco, tan recomendable como o primeiro.
Como se fabrica un heroe?Na nosa memoria colectiva seguro que se alguén di: "En 1972, un comando compuesto por cuatro de los mejores hombres del ejército americano...", automaticamente todos sabemos que estamos falando do Equipo A, e do inxusta que era a situación na que tiñan que vivir, o que nos facía sentir empatía e aceptalos como seres a admirar. Outro tanto poderiamos dicir da simpatía por seres como Kung Fu, Colombo, ou máis recentemente Walker, porque non nos enganemos, Chuck Norris é moito Chuck Norris (ver feitos de Chuck Norris). Outros exemplos serían Michael Knight, convertido en piloto do Coche Fantástico despois de ser tiroteado polos malos, ou Mc Gyver, aquel fillo que a tódalas nais dos 80 lles gustaría ter, e que só co uso de materiais da vida diaria podería conquerir fazañas que deixarían atónitos ós membros do equipo de Bricomanía, que é moito dicir, como se aprecia no vídeo.
Unha vez postos en antecedentes, imos ver como funcionou o tema da creación dos heroes no noso país usando para tal fin o primeiro capítulo de Curro Jiménez (a partir de aquí se alguén ten curiosidade, aviso, vou destripar a historia totalmente de cabo a rabo). Poñemos os créditos e empezamos:1812. Curro Jiménez é o fillo do barqueiro de Cantillana, humilde traballo que tamén desempeña el para substituír a seu pai enfermo e que o servizo municipal non quede desatendido. Nos seus ratos libres, tamén atende á súa namorada, fermosa muller da que tamén está encaprichado o fillo do alcalde, persoa de maldade indiscutible tal e como se nos insinúa nunha conversa de taberna con un amigo e un individuo de mala pinta, conversa na que vemos que os tres están implicados nun turbio asunto (posiblemente unha violación e/ou asasinato). O individuo-de-mala-pinta quere facerse coa concesión municipal da barca e o fillo do alcalde coa moza de Curro, co cal xa temos ó noso heroe ante o perigo.Estos son os ingredientes, agora a preparación. Á morte do pai de Curro, a concesión da barca cambia de mans, para individuo-de-mala-pinta, claro, mediante un chanchullo propiciado polo fillo do alcalde. Curro reacciona moi mal e hai unha pelexa cos implicados. Como consecuencia do clima caciquil, Curro non é capaz de atopar emprego no pobo para manter a súa nai e só ten a axuda do seu padriño, home de gran bondade e sapiencia, que lle recomenda marchar do pobo.Mentres Curro reflexiona sobre esto, ten unha cita coa súa amada, cita na que aparecen os tres malos e un empregado dun deles e aproveitando a súa superioridade danlle a Curro unha malleira de morte, á que sobrevive non se sabe moi ben como.Despois dunha longa convalecencia, Curro pon en orde os seus asuntos, e leva a cabo a súa vinganza de forma premeditada e paso a paso:1. Vai ó río e mata a individuo-de-mala-pinta a sangue frío de dous tiros de escopeta, a pesar de que a vítima lle implora perdón. Tamén podería ter mostrado este bo corazón antes, non?2. Volve ó pobo e vai á casa do amigo do fillo do alcalde, ó que despacha a navalla sen o máis mínimo remordemento e sen mediar provocación algunha. Se queremos ser xenerosos, podemos observar que Curro lle pon un coitelo na mesa e lle di á vítima que se defenda, que o vai matar.3. Máis tarde, agarda na rúa ó fillo do alcalde e ó empregado e acaba con eles nunha pelexa con navallas, na que ten que empregarse a fondo, pero finalmente remata cos dous.4. Vai á casa do seu padriño, confésalle o que acaba de facer e logo fuxe despois de desarmar a un garda, ó que non lle fai dano algún a pesar de telo á súa mercede, ó fin e ó cabo o garda é un inocente que non ten culpa ningunha nos acontecementos.Despois dunha persecución a lomos do seu cabalo Silencio, Curro ponse a salvo e o capítulo remata deixándonos á espera de novas aventuras do noso heroe.
Agora vexamos as consecuencias dos actos deste primeiro capítulo á luz do Código Penal, eso si, non sen agradecer antes a desinteresada, eficiente e moi detallada asesoría legal de Tamara:1. Pola morte de individuo-de-mala-pinta, como hai atenuantes, uns 15 anos de cárcere.2. Polo amigo do fillo do alcalde, asasinato con ameazas, outros vinte anos.3. Polos dous últimos, outros 15 anos por cada un, é dicir, trinta anos máis.Como son feitos illados, as penas súmanse, o que daría cos ósos de Curro no cárcere durante 65 anos, que dependendo do comportamento, arrepentimento, informe psicolóxico de adaptación, traballos realizados, as súas saídas en terceiro grao, etc., fan que o noso heroe sexa un convicto que vai pasar uns trinta anos en prisión.Como xustificación queda a súa lapidaria e xenial frase na serie: "Sólo puedo decir que no tuve fuerzas para evitarlo". Así visto, tampouco parece tan grave, non?Este é o heroe que acabamos de crear e co que podemos pasar as tardes en compañía da familia e co cal os nenos terán un modelo de comportamento para xogar a ser Curro Jiménez e os seus compañeiros de andanzas, o Estudante, o Algarrobo, o Fraile ou o Xitano. Aí queda o Spanish Style! Olé! (Aínda que, sendo xustos, xogar a ser o Equipo A tamén ten tela).Recomendacións: - Hai que ver o resto da serie Curro Jiménez, despois desta análise e a apostura e gallardía que se desprende da foto, quen non querería ser como Curro? Eu apúntome xa.
- Como é case inevitable asociar a Curro Jiménez co flamenco, tranquilos que non vou poñer a Isabel Pantoja (apareceu na serie cando tiña 21 anos), deixo aquí o tema "La tarde es caramelo" do álbum Ciudad de las ideas de Vicente Amigo.