30/9/09

47. ¡Qué grande es el cine!


Tranquilidade, non vou falar de aquel truño de programa que presentaba Garci, que coa escusa de ver unha película xuntaba a un grupo de entendidos e/ou pedantes, e no medio dunha densa néboa tabaqueira pasaban unha hora ou dúas dándolle voltas ata límites insospeitados. Cabe dicir que, ás veces, o truño era a película en si e o debate podía ser ata entretido.

Hoxe vou referirme á grandeza que supón a necesidade de vender, neste caso películas, por parte dos avispados produtores de Hollywood. Abro un libro e empezo a ler: "Me estoy quedando calvo -pensó Anderton al ver a ese joven-. Calvo y gordo y viejo".

Así empeza "El informe de la minoría", novela curta de Philip K. Dick na que se inspira o filme Minority Report. A vida do autor merecería outro post, pero de momento hai que conformarse co enlace wikipédico. Na foto que temos sobre estas liñas, podemos ver a ese calvo, gordo e vello que nos ensina a película. O outro día estiven lendo a novela, atopeime coa primeira frase, e quedei fascinado pensando "co fácil que era coller a Danny de Vito", sería unha adaptación fiel a máis non poder.

Recomendacións:
  • Calquera cousa que poidades ler do propio Philip K. Dick, algunhas levaron a adaptacións tan célebres como Desafío Total (baseada no relato Podemos recordarlo por usted al por mayor) ou Blade Runner (a partir de ¿Sueñan los androides con ovejas eléctricas?; aínda estou buscando onde estaba o protector xenital de plomo que debería vestir Rick Deckard). Por suposto, a propia Blade Runner (interesante páxina).
  • Outra marabilla da ciencia-ficción como é Solaris, novela de Stanislav Lem, que tamén foi levada ó cine. Nada de ver a versión protagonizada por George Clooney, hai que ir ás fontes e ver a orixinal dirixida por Tarkovski en 1972 (lástima de recorte na versión inicial de tres horas, co entretido que é o cine soviético).

No hay comentarios: