20/9/09

41. Un pequeno orfo


Así é, despois de varios días de busca por parte dos servizos de rescate, confírmase a nova que se temía: Yoshito Usui, creador de Shinnosuke Nohara e a súa familia e demais persoaxes do manga Crayon Shin-Chan, apareceu morto onte tras levar desaparecido desde o día 11, cando saíu a facer sendeirismo polo monte Arafune. O home que fixo que a cidade de Kasukabe teña como símbolo a Shin-Chan deixa así soa a tan peculiar familia, e a algúns de nós co recordo dos divertidos ratos que temos pasado seguindo as súas aventuras e tarareando a súa música, o que ben fai que se mereza que escriba un post como este para recordalo.

Esta inocente criatura foi criticada e/ou considerada unha ameaza por certos sectores da sociedade: "...síntesis gráfica de esa infancia salida, asilvestrada, insumisa y escatológica...", "un mal ejemplo para la juventud y la infancia", "un compendio de contravalores". En fin, moita ignorancia por parte de moitas persoas, programadores televisivos incluídos, que aínda asocian debuxo animado con nenos. Supoño que moitos non saberán o que é o hentai, porque senón intentarían que os lapis, portaminas e similares só se vendesen amosando o DNI.

Para rematar, un saúdo alá onde estea e que descanse en paz.

Recomendacións:
  • Como é lóxico, hoxe toca cómic, pero dado que o manga non é unha das miñas preferencias, vou recomendar "Persépolis" de Marjane Satrapi, historia dos recordos da súa infancia e xuventude co telón de fondo da Revolución de 1979 que transformou a Irán nunha república islámica, e que nos recorda perigosamente ás informacións que chegan hoxe en día deste país.
  • Para intentar alegrar un pouco o post, "Sweet soul revue", dos xaponeses Pizzicato Five. Un deses exemplos que nos chegan de vez en cando dese país e que nos fai pensar se alí viven persoas ou debuxos animados.


No hay comentarios: