8/9/09

29. Se chega a ser na Idade Media...


Veño de ler estes días unha interesante nova sobre Alan Turing, a
mobilización a favor da súa rehabilitación e incluso unha desculpa pública por parte do goberno británico polo trato recibido por este xenio matemático da primeira parte do século XX. (Nota: Só poden asinar cidadáns británicos. Reflexión: Por que no noso país non se pon en marcha un mecanismo similar de protesta? Tal vez a política estaría máis próxima ó cidadán).

Como podemos ver na súa biografía, Alan Turing foi un importante matemático e poderiamos dicir que un dos pais da computación moderna. Ademais formou parte do equipo de criptógrafos encargados durante a Segunda Guerra Mundial de desvelar os métodos de cifrado alemáns, e especialmente os da máquina Enigma, o que, segundo algúns historiadores, axudou a acurtar a duración da guerra.

Despois da guerra, traballou na universidade de Manchester, onde desenvolveu software para unha das primeiras computadoras da historia, o Manchester Mark I, considerado como o primeiro que funcionou con memoria RAM, uns 1'25 K, que para o seu momento era unha marabilla. En 1950 ideou a chamada proba de Turing, procedemento que abre a porta para determinar se unha máquina ten intelixencia propia, o que sería o recoñecemento inequívoco da existencia da intelixencia artificial.

Pero, en 1951, apareceu a preocupación que moitas persoas teñen amosado ó longo da historia por saber con quen nos deitamos, e o peor, opinar e xulgar acerca do tema. Turing foi vítima dun roubo na súa casa, roubo que denunciou á Policía. A historia do roubo foi a seguinte: Turing tiña un amante, Arnold Murray, o cal mantiña relacións sexuais na súa casa con algúns homes. Murray, ademais, tiña un cómplice que estaba informado das noites nas que as casas destes homes ían estar desertas, e polo tanto, listas para o roubo, roubos que supoñía non serían denunciados polas circunstancias sexuais que implicaban. A pesar de esto último, Alan Turing denunciou o roubo e a Policía considerou máis interesante toda variante sexual (neste caso homosexual) do tema, sendo Turing procesado en 1952 pola mesma lei (cargos de indecencia e perversión sexual) que a finais do século anterior Oscar Wilde fora condenado a dous anos de traballos forzados no cárcere.

Condenado, ofrecéuselle a posibilidade de evitar ir a prisión a cambio de someterse a un tratamento de castración química para curarse. Tivo que deixar de traballar para o GCHQ, a súa reputación foi totalmente arruinada pola publicidade do caso e incluso se lle chegou a prohibir saír do país. Con 41 anos e sumido nunha profunda depresión (o corpo deformado polos estróxenos, medráronlle os peitos, engordou, volveuse impotente), e absolutamente desacreditado, foi atopado morto con unha mazá parcialmente mordida ó seu carón, mazá que previamente foi envelenada con cianuro. Suicidio? Todo apunta a que si, pero nunca quedou probado definitivamente, o que fixo florecer as máis diversas teorías con máis ou menos verosimilitude sobre a súa morte.

Cabe destacar que, de todas formas, continuou co seu traballo na universidade de Manchester, e que houbo compañeiros de profesión que protestaron polo trato dado a Turing, rexeitando algún deles, aínda en vida del, o nomeamento de sir. Tratamento que reclaman hoxe, na petición mencionada ó inicio, a título póstumo, para o propio Alan Turing. (Lástima non ter a dobre nacionalidade para poder asinar).

Actualización (13/9/09):
Parece que aínda queda algo bo neste mundo, non é un xesto grandilocuente, pero despois de case sesenta anos pódese considerar como un paso interesante que o Primeiro Ministro, Gordon Brown, emita un comunicado oficial pedindo desculpas. A ver se é o primeiro paso para unha rehabilitación completa da memoria deste home.

Recomendacións:
  • Se alguén quedou con curiosidade polo proceso de descifrado dos códigos da máquina Enigma, pode ler o capítulo 4 do libro "Los códigos secretos" de Simon Singh (ou todo o libro, que non pasa nada, en serio, non morde).
  • Tamén hai algunha película, como Enigma, ou incluso, unha curtametraxe e un telefilme ingleses. Pero para deixar un bo recordo do post, e aproveitando que falei de Manchester, aquí quedan os Stone Roses, e a súa canción "Love Spreads" do seu segundo e último disco, tan recomendable como o primeiro.

No hay comentarios: