4/9/09

23. Curro, un home como debe ser


Como se fabrica un heroe?
Na nosa memoria colectiva seguro que se alguén di: "En 1972, un comando compuesto por cuatro de los mejores hombres del ejército americano...", automaticamente todos sabemos que estamos falando do Equipo A, e do inxusta que era a situación na que tiñan que vivir, o que nos facía sentir empatía e aceptalos como seres a admirar. Outro tanto poderiamos dicir da simpatía por seres como Kung Fu, Colombo, ou máis recentemente Walker, porque non nos enganemos, Chuck Norris é moito Chuck Norris (ver feitos de Chuck Norris). Outros exemplos serían Michael Knight, convertido en piloto do Coche Fantástico despois de ser tiroteado polos malos, ou Mc Gyver, aquel fillo que a tódalas nais dos 80 lles gustaría ter, e que só co uso de materiais da vida diaria podería conquerir fazañas que deixarían atónitos ós membros do equipo de Bricomanía, que é moito dicir, como se aprecia no vídeo.

Unha vez postos en antecedentes, imos ver como funcionou o tema da creación dos heroes no noso país usando para tal fin o primeiro capítulo de Curro Jiménez (a partir de aquí se alguén ten curiosidade, aviso, vou destripar a historia totalmente de cabo a rabo). Poñemos os créditos e empezamos:

1812. Curro Jiménez é o fillo do barqueiro de Cantillana, humilde traballo que tamén desempeña el para substituír a seu pai enfermo e que o servizo municipal non quede desatendido. Nos seus ratos libres, tamén atende á súa namorada, fermosa muller da que tamén está encaprichado o fillo do alcalde, persoa de maldade indiscutible tal e como se nos insinúa nunha conversa de taberna con un amigo e un individuo de mala pinta, conversa na que vemos que os tres están implicados nun turbio asunto (posiblemente unha violación e/ou asasinato). O individuo-de-mala-pinta quere facerse coa concesión municipal da barca e o fillo do alcalde coa moza de Curro, co cal xa temos ó noso heroe ante o perigo.

Estos son os ingredientes, agora a preparación. Á morte do pai de Curro, a concesión da barca cambia de mans, para individuo-de-mala-pinta, claro, mediante un chanchullo propiciado polo fillo do alcalde. Curro reacciona moi mal e hai unha pelexa cos implicados. Como consecuencia do clima caciquil, Curro non é capaz de atopar emprego no pobo para manter a súa nai e só ten a axuda do seu padriño, home de gran bondade e sapiencia, que lle recomenda marchar do pobo.
Mentres Curro reflexiona sobre esto, ten unha cita coa súa amada, cita na que aparecen os tres malos e un empregado dun deles e aproveitando a súa superioridade danlle a Curro unha malleira de morte, á que sobrevive non se sabe moi ben como.

Despois dunha longa convalecencia, Curro pon en orde os seus asuntos, e leva a cabo a súa vinganza de forma premeditada e paso a paso:
1. Vai ó río e mata a individuo-de-mala-pinta a sangue frío de dous tiros de escopeta, a pesar de que a vítima lle implora perdón. Tamén podería ter mostrado este bo corazón antes, non?
2. Volve ó pobo e vai á casa do amigo do fillo do alcalde, ó que despacha a navalla sen o máis mínimo remordemento e sen mediar provocación algunha. Se queremos ser xenerosos, podemos observar que Curro lle pon un coitelo na mesa e lle di á vítima que se defenda, que o vai matar.
3. Máis tarde, agarda na rúa ó fillo do alcalde e ó empregado e acaba con eles nunha pelexa con navallas, na que ten que empregarse a fondo, pero finalmente remata cos dous.
4. Vai á casa do seu padriño, confésalle o que acaba de facer e logo fuxe despois de desarmar a un garda, ó que non lle fai dano algún a pesar de telo á súa mercede, ó fin e ó cabo o garda é un inocente que non ten culpa ningunha nos acontecementos.
Despois dunha persecución a lomos do seu cabalo Silencio, Curro ponse a salvo e o capítulo remata deixándonos á espera de novas aventuras do noso heroe.

Agora vexamos as consecuencias dos actos deste primeiro capítulo á luz do Código Penal, eso si, non sen agradecer
antes a desinteresada, eficiente e moi detallada asesoría legal de Tamara:
1. Pola morte de individuo-de-mala-pinta, como hai atenuantes, uns 15 anos de cárcere.
2. Polo amigo do fillo do alcalde, asasinato con ameazas, outros vinte anos.
3. Polos dous últimos, outros 15 anos por cada un, é dicir, trinta anos máis.
Como son feitos illados, as penas súmanse, o que daría cos ósos de Curro no cárcere durante 65 anos, que dependendo do comportamento, arrepentimento, informe psicolóxico de adaptación, traballos realizados, as súas saídas en terceiro grao, etc., fan que o noso heroe sexa un convicto que vai pasar uns trinta anos en prisión.
Como xustificación queda a súa lapidaria e xenial frase na serie: "Sólo puedo decir que no tuve fuerzas para evitarlo". Así visto, tampouco parece tan grave, non?

Este é o heroe que acabamos de crear e co que podemos pasar as tardes en compañía da familia e co cal os nenos terán un modelo de comportamento para xogar a ser Curro Jiménez e os seus compañeiros de andanzas, o Estudante, o Algarrobo, o Fraile ou o Xitano. Aí queda o Spanish Style! Olé! (Aínda que, sendo xustos, xogar a ser o Equipo A tamén ten tela).

Recomendacións:
  • Hai que ver o resto da serie Curro Jiménez, despois desta análise e a apostura e gallardía que se desprende da foto, quen non querería ser como Curro? Eu apúntome xa.
  • Como é case inevitable asociar a Curro Jiménez co flamenco, tranquilos que non vou poñer a Isabel Pantoja (apareceu na serie cando tiña 21 anos), deixo aquí o tema "La tarde es caramelo" do álbum Ciudad de las ideas de Vicente Amigo.

No hay comentarios: