25/10/09

79. Zinda laash


Postos a ir de sobrados, hoxe empezamos co título orixinal en urdu, a lingua oficial de Paquistán, que se note que un estudia idiomas, outros menos remotos, pero idiomas de todas formas.

O título en cuestión sería "O cadáver vivinte", que corresponde a unha película paquistaní de 1967, que goza de certo predicamento como cine de culto, algo que só se entende abrindo a nosa mente a un punto de vista deliciosamente friki. A película ten as curiosas marcas de, primeiro, ser o segundo filme de terror da historia do cine paquistaní (o primeiro, quen sabe?), e segundo e non menos importante, o de ser a primeira película paquistaní clasificada X. A tal punto chega a lenda que se di que unha muller morreu dun infarto nun cine durante a proxección da película, feito nunca comprobado. De todas formas, quen quere a verdade tendo unha bonita historia que a substitúa?

Tal éxito do cine de Lollywood (ollo non confundir con Bollywood, aínda que o nome provén de adaptar o bollywoodiense subtituíndo o "B" de Bombay, India, polo "L" de Lahore, Paquistán) baséase nunha adaptación bastante libre do Drácula de Bram Stoker, aderezado con uns bailes ó máis puro estilo do cine da zona, prohibidas na estrea polos censores por considerar ás mulleres sexualmente provocativas (xulgade vos mesmos despois de ver o vídeo). Os mesmos censores estiveron a punto de prohibir a propia película por considerala demasiado vulgar, cousa aínda máis inexplicable despois de ver tal marabilla do cine (si, confeso que a vin toda, toda).

E despois da confesión, non me queda máis remedio que destripar a peli, así que o que siga lendo, que non diga que non está avisado: A película empeza cun rótulo que di que está "adoptando" (alguén máis debería ter mellorado o seu inglés) a novela de Bram Stoker, para acto seguido deixarnos ver a un tal profesor Tabani no seu laboratorio buscar unha pócima coa que vencer á morte. Logra o seu fin e despois de probala, morre! Tranquilos, só é unha morte aparente, acaba de converterse nun vampiro morenazo con colmillos de anuncio de dentífrico. A partir de aquí vemos os créditos e aparece un coche percorrendo unha estrada soando de fondo unha versión ó estilo local de "La cucaracha" (incrible, verdade?, eu aínda me estou recuperando), coche no que chega a unha especie de castelo un tal Dr. Aqil (unha especie de Harker da novela), que pasa a ser a primeira vítima do vampiro.

O irmán do Dr. Aqil vai na súa busca e atópase coa terrible verdade, matando a unha vampiresa e deixando escapar por pouco ó vampiro, aínda que mata (para que a súa alma atope a paz) ó Dr. Aqil, agora xa vampiro. Volve á casa e conta a historia, que, por suposto, ninguén cre. Segundo vai pasando a peli, o profesor Tabani (lembremos, o vampiro), mata tamén a viúva do Dr. Aqil, e finalmente intenta vampirizar tamén á muller do seu cuñado. Neste punto xa levamos escoitado tamén unha peculiar versión de "Allá en el rancho grande" (asombroso!) e aínda nos caerá, para aderezar a pelexa final, a obertura de "O barbeiro de Sevilla" de Rossini (non se me pasou pola cabeza, pero a banda sonora debe valer o seu peso en ouro).

Antes de chegar á pelexa final, vemos que o vampiro (que en todo momento leva postas unhas luvas, debe ser o frío paquistaní) se soubo adaptar ós tempos e secuestra á muller do cuñado de Aqil, utilizando un coche!, nada de andar voando como un vulgar morcego, faltaría máis. Neste punto estamos nunha persecución de coches na que o día e a noite andan como lles peta e que acaba conducido ós protagonistas ó castelo do vampiro, onde, agora si, na pelexa final, o vampiro morre pola luz do sol, o protagonista sae ó exterior, atópase coa case-vítima e o seu home, todo en plano logo e sen máis remata a peli.

(E aquí remata tamén a crónica desta pequena xoia friki)


Recomendacións:
  • Cada un que pense o que queira, pero a peli non está mal. Vós mesmos.
  • De lectura obrigada, o Drácula de Bram Stoker, e o que sinta moi vago para ler (hai que ser!), sempre lle quedará o cine con dous intérpretes inesquecibles, Bela Lugosi en 1931 e Christopher Lee desde 1958. De todas formas, insisto, o toque exótico e diferente de Zinda Laash é impagable (e podedes practicar urdu).

19/10/09

73. As mulleres espaciais (ou case)


Despois do inxenioso(?) uso tecnolóxico do post anterior, traio aquí algo que me atopei esta fin de semana en Público (ver artigo completo, moi interesante), unha intrahistoria nos primeiros pasos do programa espacial norteamericano, a do efímero programa WISE, proposto a mediados de 1959 polo xeneral Donald Flickinger e o médico Randolph Lovelace II.

Tras estudar o tema desde o punto da vista da enxeñería, chegaron á conclusión de que sería mellor, por razóns prácticas, mandar ó espacio unha astronauta e non un astronauto. As razóns eran simples: dábase por suposto que as mulleres resistirían mellor períodos de illamento prolongados, tiñan mellor saúde cardiovascular e o seu aparello reprodutor sería menos sensible á radiación cósmica. En resumo, eran máis aptas para a viaxe espacial.

Tan simples (ou perigosas) deberon parecer estas razóns que o programa foi desprezado e oficialmente cancelado polas Forzas Aéreas en novembro de 1959.

Na foto podemos ver á primeira e mellor capacitada de tódalas aspirantes do programa, Geraldyn "Jerrie" Cobb, ataviada con unha roupa moi pouco aeroespacial.

Esta muller, piloto das forzas aéreas desde os 21 anos, tiña unha lista de records impresionante para calquera piloto, fose home ou muller. Trala cancelación do proxecto, o doutor Lovelace insistíu, e, en febreiro de 1960, Jerrie Cobb someteuse a unha batería de probas físicas e psicolóxicas idénticas ás que pasaban os aspirantes masculinos, os resultados foron abrumadores, a piloto Cobb superaba en resultado a nada menos que a un contundente 98% dos aspirantes.

Ante a falla de apoio oficial, Lovelace buscou iniciativas privadas, e Cobb buscou a outras pilotos dispostas a unirse ó novo programa Mulleres no Espazo, realizando as probas en 1961 con 19 mulleres, das que 13 superaron os tests. A pesar deste éxito, o proxecto veuse abaixo pola falta de financiación, algo que tivo que ver co protagonismo de Cobb, que irritaba a outra das aspirantes, Jackie Cochram, de gran axuda no tema económico por estar casada con un dos homes máis ricos do país. A idea da primeira astronauta norteamericana esvaeceu e houbo que esperar ata 1983 para poder ver a Sally Ride, a pesar de que moitas das trece mulleres citadas superaban en capacidades ós seus compañeiros varóns. Parece ser que as capacidades de tolerancia en canto á igualdade de sexos na sociedade da época non chegaban a tanto.


Recomendacións:
  • Para ser exactos, non tería sido a primeira muller astronauta, aínda que fose de ficción, xa Fritz Lang colocou en 1929 a unha muller na Lúa na película do mesmo título. Interesante, aínda que, aviso, moi longa.
  • Nunha banda de rock tamén pode haber mulleres, e ó contrario que nas Forzas Aéreas, ser as que leven a voz cantante, nunca mellor dito, como en The Breeders, que tiveron o seu gran éxito en 1993 co tema "Cannonball".

18/10/09

71. Chapuzobricomanía


Levo uns días observando desde a casa un portento de inxenio e reaproveitamento dos materiais, neste caso o tradicional e case diría universal cordel de alpaca, laranxa, como mandan os canóns, que o mesmo serve para atar as alpacas que para realizar reparacións en automóbiles, como ben podedes apreciar na seguinte foto que tomei esta tarde despois de non poder resistir máis e saír cámara en ristre á caza de tan lamentable imaxe. Aí vos queda:



Xa sei que alguén pode insinuar que non é exactamente así, que a imaxe está photoshopeada, etc, etc. Tedes razón, utilicei o Photoshop, para tapar a matrícula, aínda que estiven tentado de deixala, máis que nada por se alguén coñece ó dono, que o felicite por este alarde de inxenio.

Recomendacións:
  • Ide a un taller se tedes problemas co coche. Seguro que vos sae máis caro, pero alomenos non saíredes en malvados blogs de xente malvada. (Debería ter deixado a matrícula á vista? A dúbida aínda corroe a miña retorcida alma. Aaggh!)
  • Para salvar este post da mediocridade, deixo aquí algo con máis clase (non me atrevo dicir estilo, porque a foto está chea de estilo, penoso, pero estilo). Dos irlandeses Thin Lizzy, o tema "Whiskey in the jar".

16/10/09

67. Ladróns de cadáveres


Como contaba no post anterior, este verán en Edimburgo visitamos un cemiterio de noite (de forma legal), en concreto o de Greyfriars, onde ademais de contarnos a historia de Bobby, o can que seguía visitando ó seu dono en dito cemiterio despois da morte deste, nos contaron algunhas cousas algo máis tenebrosas. Eso si, aderezadas con uns toques de humor macabro que case nos facían esquecer o frío, moito, pero que moito frío, que facía a esas horas en tan plácido, apacible e tenebroso lugar.

Despois de ilustrarnos con un noxento luxo de detalles sobre as malas condicións de vida de finais do século XVIII, as enfermidades, os seus síntomas e consecuencias (nunca se me ocorrera pensar nunha guía turística falándome da peste bubónica de forma humorística), como dicía, despois deste preámbulo entramos en materia, polo menos na que teño interese en contar hoxe: a do roubo de cadáveres.

A principios do século XIX, parece ser que as facultades de Medicina non andaban moi ben de suministro en canto a corpos de seres humanos (mortos, por suposto) para as leccións de anatomía e dada a particularidade das leis británicas da época pola cal os corpos mortos non eran propiedade de ninguén, nin siquiera da familia, xunto coa necesidade das facultades, floreceu unha nova actividade económica, a dos chamados resurrecionistas, que como o seu nome non indica, adicaban as noites a saquear as tumbas, pero non para levar as pertenzas do difunto, senón ó propio difunto para a súa posterior venda. (Novamente, os meus agradecementos á nosa guía por informarnos sobre os detalles máis truculentos). Outro detalle que contribuía á carestía de corpos foi a diminución no número de execucións a principios deste século, o que, dito sexa de paso, tamén fixo desaparecer o tétrico espectáculo da disputa polos corpos dos executados entre aqueles que logo os querían vender.



(Aquí podemos ver a dous voluntarios recreando os feitos a plena luz do día)

O que podemos ver na foto é unha tumba no cemiterio da catedral de Glasgow, cidade na que, dado o afán de rapiña dos ladróns de tumbas, chegou a constituirse unha Sociedade de vixilantes dos cemiterios para facer gardas e evitar os roubos dos cadáveres, sociedade que chegou a contar con uns dous mil membros, os cales gardaban as tumbas permanentemente ata garantir con un tempo prudencial (xeralmente meses) que a descomposición do corpo o fixera inservible para a súa venda. Ó mesmo tempo, as construccións funerarias empezaron a parecerse a xaulas como as da foto con teitos incluidos coa mesma finalidade, e incluso cambian as leis, chegando á castigar coa pena de morte o roubo de efectos dos cadáveres para obrigar a que os posibles ladróns tivesen que pasar máis traballo en levar unicamente o corpo espido, o que facía tamén máis complicada a súa posterior venda, xa que debían presentar un bo estado (dentro do que se lle pode aplicar esta definición a un cadáver, claro), máis difícil de conseguir se había que andar manipulando a mercancía.

Nota para a reflexión: Podías ser executado por roubarlle a roupa a un morto, pero polo contrario, saír totalmente indemne de roubar o propio morto.

Neste estado de cousas, apareceron dous xa famosos persoaxes da historia criminal escocesa, Burke e Hare. Estes dous individuos adicábanse a saquear tumbas nos cemiterios de Edimburgo para logo vender os cadáveres por unha módica suma ó doutor Robert Knox, que logo os utilizaba nas súas leccións sen facer máis preguntas. Os dous William, Burke e Hare, pronto caeron na conta de que o de saquear tumbas non era traballo para eles debido a varios factores como o infernalmente frío e húmido clima escocés, a vixilancia dos cemiterios ou a competencia neste peculiar sector económico. Despois dunha profunda reflexión, a conclusión era evidente: para manter o negocio en marcha, o mellor era fabricar eles mesmos a mercancía, neste caso os cadáveres, e como daquela a Xenética aínda era unha ciencia imaxinaria, só quedaba unha vía, o asasinato, iso si, coidadoso, para obter cadáveres presentables.

Durante a duración da súa incomprendida actividade empresarial, estes dous seres chegaron a matar en apenas once meses entre 1827 e 1828, que se saiba, un total de dezasete persoas (ó contrario que a nosa guía, aforrareivos os detalles acerca do método, aínda que como curiosidade, esta forma de matar pasou ó vocabulario inglés como burking, do nome de Burke). Unha vez descubertos e detidos, e ante as dúbidas da fiscalía sobre a solidez das probas, Hare obtivo un trato coas autoridades e a cambio de librarse de ser aforcado e cumprir unha cadea perpetua, confesou todo inculpando a Burke, que foi sentenciado a morte e executado publicamente en Edimburgo a principios do ano 1829.

Ironías da vida, ou neste caso, da morte, o corpo de Burke foi diseccionado publicamente ó igual que os das súas vítimas nunha lección de anatomía no Medical College de Edimburgo, onde no seu museo está hoxe exposto o seu esqueleto. Robert Knox saíu libre de todo o tema e simplemente substituíu a Burke e Hare por outros ladróns de cadáveres para continuar as súas leccións coa discreción habitual. Legalmente, as consecuencias foron un cambio na lei para facilitar o acceso por parte das facultades de Medicina a cadáveres non reclamados. O resto é historia e, para que negalo, un inxenioso atractivo turístico da cidade de Edimburgo.


Recomendacións:

12/10/09

61. Bicos de amor (con sorpresa)


Durante a viaxe por Escocia deste verán, percorremos a fermosa cidade de Edimburgo, e nela, unha das máis fermosas rúas, a Royal Mile (o artigo en inglés é moito máis completo). Como xa sabiamos, en Escocia hai máis equipos de fútbol que os xigantes de Glasgow, o Celtic (católicos pro-irlandeses) e o Rangers (protestantes pro-británicos), e en concreto, na cidade de Edimburgo está o Heart of Midlothian FC, fundado en 1874. O nome do equipo, así como o seu escudo ven tomado dun curioso adoquinado existente na Royal Mile, e que lembra o lugar onde estivo situada a antiga prisión de Edimburgo desde o século XV ata a súa demolición en 1817.


(Aquí podemos comparar o escudo futbolístico coa súa orixe)

O corazón no chan está situado a carón da Catedral de St. Giles, que, como ben podedes ler no artigo wikipédico, non é unha catedral propiamente dita. Esta é a primeira curiosidade, pero a mellor é a referida á tradición/tradicións do corazón en cuestión, curiosidade que nos contaron durante a unha visita guiada a un cemiterio (que pasa?, non todo van ser museos, non?) que contarei en algún post futuro.

Resulta que a primeira tradición conta que durante un paseo por esta rúa dunha parella de namorados, o home ve o corazón no chan, axeónllase diante dela e pídelle matrimonio. Ela acepta commovida polo xesto e selan o seu amor con un bico abrazados neste punto do chan. A partir de aquí, empeza a tradición de que se queres atopar un novo amor ou conservar o que tes, debes bicar o corazón do chan cando esteas alí.

A segunda tradición, algo máis desagradable, conta que neste punto estaba a porta da prisión e cando os presos entraban a cumprir as súas penas de cárcere, cuspían no chan a modo de desprezo polo lugar, o que da orixe o costume de cuspir no chan, xusto sobre o corazón. Este último costume, ben comprobado en directo dados os restos de saliva que por alí vimos (E chicles, para completar a desfeita. Tamén hai quen di que son hinchas do Hibernian FC, o outro equipo da cidade, a modo de ofensa).

Co cal queda moi claro que a primeira recomendación (sanitaria) deste post vai ser que teñades coidado coas tradicións que non coñezades completamente, a menos que como dixo a nosa guía, quierades sentir "o auténtico sabor da cidade de Edimburgo".


Recomendación:

Xa que falo de escoceses, aquí queda un tema, "Tracy", dunha banda de rock escocesa, Mogwai, e que está incluída no altamente recomendable álbum Young Team, ou ben o tema de apertura do mesmo álbum, "Yes I am a long way from home". (Ou, xa postos, o resto dos temas do disco, que son exactamente igual de preciosos ou máis).


8/10/09

59. A sociedade industrial e o seu futuro


Baixo este título (texto completo), Theodore J. Kaczyinski (o neno da esquerda) publicou as súas ideas no tocante á sociedade na que vivimos, tendo como ideas principais a repulsa pola sociedade tecnolóxica e os problemas que conleva, a perda de liberdade do individuo causada por dito sistema, e finalmente a conclusión da necesidade do sistema tecnolóxico e industrial no que vivimos, marcando as liñas de actuación que conducirían a ese obxectivo.

Ata aquí, non temos ningún problema, estas ideas xa teñen sido longamente expostas por grupos ideolóxicos como os luditas, ou posteriormente os anarcoprimitivistas.

O problema aparece porque este texto foi publicado en 1995 baixo coacción en The Washington Post e The New York Times, coacción que se resume na oferta de abandono da actividade terrorista do seu autor a cambio da publicación do texto dunhas 35000 palabras. Esta foi a petición de Unabomber, alcume polo que ata ese momento era coñecido Ted Kaczyinski para os cidadáns dos Estados Unidos, e temido como o por aquel entonces terrorista máis buscado do país (había unha recompensa de un millón de dólares por el).

O porque Ted Kaczyinski (como din os vellos, xa tiña pinta de terrorista na foto) pasou a ser un terrorista é aínda hoxe unha incógnita. Nacido en 1942, destacou durante a súa formación universitaria, graduándose en Harvard (a onde accedeu con 16 anos) e doctorándose posteriormente en Matemáticas na universidade de Michigan. As súas capacidades e talento pódense reumir en frases como: "Non é suficiente dicir que era listo", dita por un profesor seu que viu como Kaczyinski resolvía un problema que él non foi capaz; ou "É posible que só unhas dez ou doce persoas neste país sexan capaces de entender ou apreciar este traballo", pronunciada por un dos membros do tribunal que avaliou a súa tese doutoral.
A intelixencia de Kaczyinski, avaliada nun CI de 167 durante a súa etapa escolar, o que lle fixo ser adiantado un curso, e ser branco das bromas de nenos maiores, era abrumadora, a de un aténtico xenio, pero esto non explica que en 1969, dous anos despois de conseguir un posto de profesor axudante na universidade de Berkeley, dimitira do seu posto e máis tarde se retirara a vivir na soidade dunha cabana nos bosques en Lincoln (Montana), cortando tódolos vínculos coa súa familia e practicamente coa sociedade, sen máis ingresos que os cartos que recibía da familia, nun lugar sen auga nin electricidade.
En 1978, un paquete bomba de fabricación caseira chega a un profesor de universidade, ferindo a un vixilante. Outros dous paquetes nese mesmo ano, para un estudante da mesma universidade, e nun avión de United Airlines, forzando unha aterraxe de emerxencia. A conta continúa aumentando ata 1985, cando se produce a primeira morte e chega ata 1996, totalizando un número de 16 bombas, 3 mortos e 23 feridos de diversa consideración.
A captura de Unabomber prodúcese en 1996, cando o seu irmán David (o anano da dereita da primeira foto), recoñecendo o estilo de Ted no seu escrito, coñecido desde o inicio como Manifesto Unabomber, comunica as súas sospeitas ó FBI, que, despois de 18 anos de busca, consegue detelo e procesalo.
En total, catro cadeas perpetuas tras un trato coa fiscalía, o que o librou da pena de morte polos cargos de terrorismo e asasinato. Ademais influíu a alegación de transtornos mentais e o traballo dos avogados defensores.
Xunto a todo o anterior, engadir que Ted Kaczyinski é xa unha icona da fascinante cultura popular estadounidense, coa venda de todo tipo de artigos, e referente de outros grupos non tan graciosos como os de ultradereita que respaldan accións como a súa ou o atentado de Timothy McVeigh en Oklahoma, con 168 vítimas nun ataque a un edificio federal.

Demasiada xenialidade, maldade, inadaptación. Quen sabe?

Recomendacións:
  • Tede coidado cos matemáticos. Teñen o seu corazonciño, pero nunca se sabe o que pode facer un especimen irritado de dita especie armado con un Quimicefa e un folio cuberto de ecuacións. E se levan calculadora, malo, malo.
  • Unha historia parecida foi contada por Paul Auster en "Leviatán" e desde aquí anímovos a ler a peripecia do seu protagonista, Benjamin Sachs.

2/10/09

53. Desmontando a Superman e Cía.

Por fin rematei este libro, aínda que creo que o terei que volver a ler, porque en algún capítulo non me parei demasiado e a verdade é que hai bastante materia coa que entreterse.

Contén preguntas tan variadas e curiosas como:

- Como debe ser o planeta Krypton (o de Superman)?
- Cantas hamburguesas debería comer Flash para alcanzar a súa supervelocidade? (Uns 150 millóns de hamburguesas)
- Existen os lentes de raios X dos comics? (Non, son un timo)

Estes son só tres exemplos do que se pode atopar neste libro de James Kakalios, profesor de Física que aborda cuestións relativas á Dinámica, a Cinética, ou campos máis avanzados como a Mecánica Cuántica ou a Física do Estado Sólido, entre outros.

Todo isto, sen facer que nos asustemos ante mares de ecuacións ou sesudos ensaios teóricos, usando unicamente situacións extraídas dos comics de superheroes, facendo, por exemplo, análises acerca da viabilidade dos superpoderes de determinados heroes ou das condicións nas que estes superpoderes serían factibles. Sorprende que algúns poderían ser reais!

Particularmente, encántame a historia sobre a morte de Gwen Stacy, morte que se produce durante o intento de Spider-man por salvala nunha caída desde a ponte de Brooklyn en New York. O autor ensinanos que, a pesar das habilidades en física e química de Peter Parker, Spider-man comete un erro fatal ó coller no aire a Gwen coa súa rede arácnida, erro que fai que ela morra por unha fractura no seu pescozo. Este erro indica que, tal vez, o noso heroe non era tan bo en física. Cabe destacar que anos máis tarde, nunha situación similar, actúa correctamente (no que á física respecta, no resto xa se lle da por suposto) e salva a vida dunha persoa que cae desde un edificio.

Ensinanza de gran utilidade: Ata os superheroes poden cometer fallos de graves consecuencias, pero seguen adiante e aprenden de ditos fallos.

Recomendacións:
  • O inverno pasado atopei en iTunes o podcast do programa de radio A través del universo, producido polo Instituto de Astrofísica de Andalucía, que a pesar desta carta de presentación é ameno, divertido e moi útil para aprender un montón de astronomía aínda que un sexa un completo ignorante na materia. Aparece aquí porque na terceira temporada programa tamén mencionan este libro e a pregunta relativa ó planeta Krypton. Por desgracia, o programa desapareceu, pero merece a pena escoitar as súas catro temporadas, ademais podemos botar unhas risas.
  • Queda aquí este bonito tema dos Beatles que foi utilizado como sintonía do programa, Across the Universe.