2/10/09

53. Desmontando a Superman e Cía.

Por fin rematei este libro, aínda que creo que o terei que volver a ler, porque en algún capítulo non me parei demasiado e a verdade é que hai bastante materia coa que entreterse.

Contén preguntas tan variadas e curiosas como:

- Como debe ser o planeta Krypton (o de Superman)?
- Cantas hamburguesas debería comer Flash para alcanzar a súa supervelocidade? (Uns 150 millóns de hamburguesas)
- Existen os lentes de raios X dos comics? (Non, son un timo)

Estes son só tres exemplos do que se pode atopar neste libro de James Kakalios, profesor de Física que aborda cuestións relativas á Dinámica, a Cinética, ou campos máis avanzados como a Mecánica Cuántica ou a Física do Estado Sólido, entre outros.

Todo isto, sen facer que nos asustemos ante mares de ecuacións ou sesudos ensaios teóricos, usando unicamente situacións extraídas dos comics de superheroes, facendo, por exemplo, análises acerca da viabilidade dos superpoderes de determinados heroes ou das condicións nas que estes superpoderes serían factibles. Sorprende que algúns poderían ser reais!

Particularmente, encántame a historia sobre a morte de Gwen Stacy, morte que se produce durante o intento de Spider-man por salvala nunha caída desde a ponte de Brooklyn en New York. O autor ensinanos que, a pesar das habilidades en física e química de Peter Parker, Spider-man comete un erro fatal ó coller no aire a Gwen coa súa rede arácnida, erro que fai que ela morra por unha fractura no seu pescozo. Este erro indica que, tal vez, o noso heroe non era tan bo en física. Cabe destacar que anos máis tarde, nunha situación similar, actúa correctamente (no que á física respecta, no resto xa se lle da por suposto) e salva a vida dunha persoa que cae desde un edificio.

Ensinanza de gran utilidade: Ata os superheroes poden cometer fallos de graves consecuencias, pero seguen adiante e aprenden de ditos fallos.

Recomendacións:
  • O inverno pasado atopei en iTunes o podcast do programa de radio A través del universo, producido polo Instituto de Astrofísica de Andalucía, que a pesar desta carta de presentación é ameno, divertido e moi útil para aprender un montón de astronomía aínda que un sexa un completo ignorante na materia. Aparece aquí porque na terceira temporada programa tamén mencionan este libro e a pregunta relativa ó planeta Krypton. Por desgracia, o programa desapareceu, pero merece a pena escoitar as súas catro temporadas, ademais podemos botar unhas risas.
  • Queda aquí este bonito tema dos Beatles que foi utilizado como sintonía do programa, Across the Universe.


No hay comentarios: