19/10/09

73. As mulleres espaciais (ou case)


Despois do inxenioso(?) uso tecnolóxico do post anterior, traio aquí algo que me atopei esta fin de semana en Público (ver artigo completo, moi interesante), unha intrahistoria nos primeiros pasos do programa espacial norteamericano, a do efímero programa WISE, proposto a mediados de 1959 polo xeneral Donald Flickinger e o médico Randolph Lovelace II.

Tras estudar o tema desde o punto da vista da enxeñería, chegaron á conclusión de que sería mellor, por razóns prácticas, mandar ó espacio unha astronauta e non un astronauto. As razóns eran simples: dábase por suposto que as mulleres resistirían mellor períodos de illamento prolongados, tiñan mellor saúde cardiovascular e o seu aparello reprodutor sería menos sensible á radiación cósmica. En resumo, eran máis aptas para a viaxe espacial.

Tan simples (ou perigosas) deberon parecer estas razóns que o programa foi desprezado e oficialmente cancelado polas Forzas Aéreas en novembro de 1959.

Na foto podemos ver á primeira e mellor capacitada de tódalas aspirantes do programa, Geraldyn "Jerrie" Cobb, ataviada con unha roupa moi pouco aeroespacial.

Esta muller, piloto das forzas aéreas desde os 21 anos, tiña unha lista de records impresionante para calquera piloto, fose home ou muller. Trala cancelación do proxecto, o doutor Lovelace insistíu, e, en febreiro de 1960, Jerrie Cobb someteuse a unha batería de probas físicas e psicolóxicas idénticas ás que pasaban os aspirantes masculinos, os resultados foron abrumadores, a piloto Cobb superaba en resultado a nada menos que a un contundente 98% dos aspirantes.

Ante a falla de apoio oficial, Lovelace buscou iniciativas privadas, e Cobb buscou a outras pilotos dispostas a unirse ó novo programa Mulleres no Espazo, realizando as probas en 1961 con 19 mulleres, das que 13 superaron os tests. A pesar deste éxito, o proxecto veuse abaixo pola falta de financiación, algo que tivo que ver co protagonismo de Cobb, que irritaba a outra das aspirantes, Jackie Cochram, de gran axuda no tema económico por estar casada con un dos homes máis ricos do país. A idea da primeira astronauta norteamericana esvaeceu e houbo que esperar ata 1983 para poder ver a Sally Ride, a pesar de que moitas das trece mulleres citadas superaban en capacidades ós seus compañeiros varóns. Parece ser que as capacidades de tolerancia en canto á igualdade de sexos na sociedade da época non chegaban a tanto.


Recomendacións:
  • Para ser exactos, non tería sido a primeira muller astronauta, aínda que fose de ficción, xa Fritz Lang colocou en 1929 a unha muller na Lúa na película do mesmo título. Interesante, aínda que, aviso, moi longa.
  • Nunha banda de rock tamén pode haber mulleres, e ó contrario que nas Forzas Aéreas, ser as que leven a voz cantante, nunca mellor dito, como en The Breeders, que tiveron o seu gran éxito en 1993 co tema "Cannonball".

No hay comentarios: