30/11/09

113. A cousa está que arde


Como o blog levaba uns días baixo mínimos de funcionamento e hoxe pola mañá atopeime nos xornais coas fotos dos 15 centímetros de neve en Pedrafita do Cebreiro, vou tratar de compensar esto e introducir algo de calor no post, en concreto, por baixo da terra, tal e como sucede en Centralia, nos Estados Unidos.

Para ir introducindo o tema, podemos ver este cartel no que se nos anuncian os posibles desastres que se nos poden presentar en tan curioso lugar: "Camiñar ou conducir nesta zona pode conducir a graves lesións ou á morte. Hai gases perigosos. O chan é propenso a afundimentos repentinos". O porque destas ameazas é o que figura enriba en vermello: MINA SUBTERRÁNEA ARDENDO. Efectivamente, en Centralia hai, mellor dito, había minas de carbón, que son as que deron orixe ó pobo alá por mediados do século XIX. Ditas minas duraron ata a década de 1960, cando as industrias as deixaron abandonadas polos seus escasos beneficios económicos. Unha destas minas abandonadas foi utilizada como basureiro local e en 1962, como soe suceder en todo caso desastroso que se precie, un incendio empezou no basureiro, e que, ó estar na mina de carbón, atopou un combustible abundante, e despois de varios intentos de apagalo, deixouse que seguira ardendo, confiando en que en algún momento se extinguiría por si mesmo debido á falta de material combustible. E ardeu durante os 60, os 70...

En 1979, o propietario dunha gasolineira, limpando os tanques, atopou de forma casual que a temperatura subterránea era duns 78º C, e en 1981, un rapaz caeu a un pozo que se abriu baixo os seus pés, sendo rescatado ileso, pero facendo ver ás autoridades a escalofriante conclusión: o lume seguira estendéndose a outras vetas de carbón polo subsolo da localidade, facendo que Centralia estivera realmente asentada sobre un inmenso braseiro subterráneo que levaba vinte anos ardendo e sen perspectivas de parar. (Á esquerda vemos unha foto da Ruta 61, unha estrada que pasa polo sudeste de Centralia, rota pola calor do carbón ardendo). Calcúlase que o lume da veta, duns 13 km, podería durar 250 anos máis, e hoxe en día só quedan alí 12 habitantes dos aproximadamente 1000 que había en 1984, cando o Goberno Federal facilitou axudas para que os veciños poideran establecerse en localidades próximas. A igrexa continúa aberta, con servizos regulares tódolos sábados pola noite, aínda que o pobo foi expropiado na súa totalidade e incluso borrado da lista oficial de pobos ó ser eliminado o seu código polo Servizo Postal. Curiosamente, os cemiterios están en bo estado. Os intrépidos (ou inconscientes) 12 residentes seguen na súa batalla legal co estado para quedarse no pobo a pesar de tódalas advertencias e perigos, e Centralia, ou o que dela queda é un estraño atractivo turístico do estado de Pennsylvania, no que podemos visitar Filadelfia, Pittsburgh, e algún outro lugar desastroso como Harrisburg (con accidente nuclear incluído).

Recomendacións:
  • Se tedes curiosidades por sitios quentiños, podedes buscar imaxes do Pozo de Darvaza, en Turkmenistán, outro exemplo de alguén a que non lle saíron ben os cálculos, neste caso nunha prospección dun pozo de gas natural. Aquí vai un vídeo. Como curiosidade, parece que os lugareños lle chaman a Porta do Inferno. Por que será?
  • Seguindo rumbo ó Inferno, que menos que AC/DC en directo co seu Highway to Hell.
  •  

19/11/09

109. Desconcerto


"... la idea me la dio un tipo que encontré un día en una estepa de Armenia, un país cercano a Rusia, un tipo que, por cierto, criaba cerdos en un edificio de 8 plantas únicamente con la idea de hacer una alfombra de pieles de cerdo que se extendiera desde la puerta de ese edificio hasta la zona de glaciares de Pakistán, quería matar así dos pájaros de un tiro: primero, con ese manto de piel preservar la temperatura del planeta, y segundo, evitar ataques de los turco-musulmanes, con la idea de que para éstos el cerdo es intocable y así ni se atreverían a pisar ese territorio cubierto de pieles de estos animales..."

"... De repente, un haz de llamaradas emergente del último piso le alcanzó la cara. En ese momento, enfrente, una de las gigantescas fotos que por todo Madrid anunciaban su libro también era alcanzada. Vio perfectamente cómo a aquel rostro que le sonreía se le quemaba la montura de las gafas mientras sentía que en su piel se derretía el plástico de las suyas."

(Nocilla Experience, caps. 106 e 108. Agustín Fernández Mallo)


Recomendacións:
  • A segunda parte da triloxía de Fernández Mallo ofrécenos visións curiosas como a do home que quixo cociñar o horizonte, ou a dun pazo abandonado no medio da inmensidade en Rusia, adicado ó parchís, tanto a nivel de museo como de obxecto de estudio, no que un transistor recibe na soidade as emisións de Radio 5 Noticias. Un relato menos disperso que o anterior, pero ofrecendo desconcertantes mesturas entre a realidade e a ficción.
  • Non menos desconcertante, o disco de 1971 "Faust", do grupo alemán do mesmo nome, aquí queda como mostra o tema "Why don't you eat carrots?".

15/11/09

107. Elgaland-Vargaland


Dentro do xa de por si fascinante mundo das micronacións, existe unha que destaca por riba das demais en canto a peculiaridade e, incluso, concepción filósófica: Os Reinos de Elgaland e Vargaland, tamén coñecidos polo seu acrónimo en sueco, KREV. Fundado, ou máis ben creado, en 1992 polos artistas suecos Leif Elggren e Carl Michael von Hausswolff, os cales, proclaman na Constitución, aparte da súa condición de reis, a ocupación e anexión dos seguintes territorios fronteirizos:

1. O Físico, formado por tódalas fronteiras do planeta, así como as augas non consideradas territoriais por ningún estado do planeta. Esto conforma tal parte física desta nación como un lugar inocupable, dado que calquera intento de ocupalo faría que as fronteiras cambiaran e deixaran de estar baixo o dominio dos ocupantes. E incluso, se tratamos de centrarnos exclusivamente no aspecto terrestre do estado, podemos ver que é o único estado que non ocupa dúas dimensións, xa que está formado por un conxunto de liñas sen superficie.

2. O Mental, formado por aqueles estados de fronteira entre aspectos da consciencia ou da conciencia, como poden ser soño/vixilia, transtornos mentais que fan que a mente oscile entre a consciencia plena e a evasión, as transicións a estados alterados como no consumo de drogas ou outro tipo de substancias como as utilizadas por chamáns ou feiticeiros. Incluso momentos tales como a evasión do entorno mediante métodos como escoitar música, ler un libro, experimentar dúbidas, e ata un orgasmo. Toda esta parte fai que todos nós, en algún momento, voluntariamente ou non, sexamos potenciais visitantes destes reinos.

3. O Dixital, no que se incluirían fallos e colapsos de discos duros, virus informáticos, e incluso unidades de soporte tales como cd's, dvd's ou pendrives como posibles zonas de transición. Este territorio complétase coa ocupación de ondas e frecuencias, así como das reaccións de fisión e fusión nucleares. E chega a enunciar como susceptible de ser anexionada á propia Internet, ou gran parte do Universo, sempre que alí se estea producindo algún cambio.

Repasando a Constitución, podemos profundizar nas peculiaridades desta micronación, desde o sistema político ata o prato e a bebida nacionais (respectivamente, artigos 1, 35 e 36).

E despois desto, só me queda facer a recomendación de hoxe e irme, paso previo e obrigado por Elgaland-Vargaland, territorio mental, a durmir. Saúdos.

Recomendación:

"Año 2054. Mis nietos están explorando el desván de mi casa. Descubren una carta fechada en el 2004 y un CD-ROM. La carta dice que ese disco CD-ROM que tienen entre sus manos contiene un documento en el que se da la clave para heredar mi fortuna. Mis nietos tienen una viva curiosidad por leer el CD, pero jamás han visto uno salvo en las viejas películas. Aun cuando localizaran un lector de discos adecuado ¿como lograrían hacer funcionar los programas necesarios para la interpretación del disco? ¿Como podrían leer mi anticuado documento digital? Dentro de 50 años lo único directamente legible será la carta.
JEFF ROTHENBERG"

Este texto que inclúo aquí é o capítulo 45 de "Nocilla Dream" de Agustín Fernández Mallo, libro que xa mencionei no post 89. Unha estraña novela na cal, sen unha liña argumental clara, vemos como se van entrelazando historias de personaxes sen conexión algunha, e no que mediante pequenas pinceladas en forma de capítulos imos descubrindo historias como a mencionada neste post sobre micronacións, ou outras tan cheas de cultura popular e fantasía como a morte definitiva dun suposto "Ché" Guevara aínda vivo hoxe no sur de Asia, ou a presencia de Michael Knight nunha gasolineira de Albacete desenvolvendo a súa permanente busca dos malos.
Un libro incapaz de deixar indiferente, e que aviso, buscando reseñas, están divididas a partes iguais entre a admiración e crítica feroz. No meu caso, inclínome polo primeiro grupo, dentro do sector fascinado. E ademais, coa sensación de ler algo que nos fai pensar, cousa moi de agradecer nesta sociedade que reborda burremia e mediocridade a mares.

11/11/09

103. O rato Pérez e a caixa de zapatos


O mundo académico, como ás veces pensan os nosos políticos, é un universo paralelo, pero que ó contrario do que nos podería explicar a Mecánica Cuántica por boca de Feynman, neste estraño universo os resultados non se rixen polo Cálculo de Probabilidades. Ou para ser exactos, si o fan, neste universo paralelo os sucesos coas máis remotas probabilidades teñen unha curiosa tendencia a ocorrer máis que os outros, ó contrario do que pasa no noso querido Mundo Real (*). Exemplos prácticos (e terroríficamente reais, sen adornos):

nº 1: A conversa que tivo lugar nun instituto onde o autor deste blog traballa baixo a súa identidade segreda.

- Ola, profe! Hoxe non trouxen os deberes feitos. (Onte e antonte tampouco...)
- E logo?
- E que fun ó dentista e non puiden facelos.
- Ah, vale! Pois atende e vaite fixando.
- E que fun quitar unha moa. Mira, téñoa aquí, queres vela? (Sacando da mochila un papeliño branco que contiña algo. Algo formado por óso e recuberto de esmalte? Emoción, intriga...)
- Mmmm. Pois non, non é necesario. (Estiven por dicir que si, a ver se ó resto lles daba algo...).
- Ah!
Neste punto houbo un intento de poñer racionalidade:
- A próxima vez, non fai falta, chega con un papeliño do dentista.
- Non, se foi idea de miña nai, que me dixo que a trouxera.

E como é lóxico, aquí rematou a conversa ante a perspectiva do inmenso fregado no que me podía meter con dicir só un infinitésimo do que me circulaba pola cabeza. (Segundo a Mecánica Cuántica, seguramente existe outro universo paralelo no cal lle pedín que nos ensinara a moa, tivo a ben entregarma e incluso me quedei con ela para logo facer tráfico de calcio e fósforo co rato Pérez. Aaarrghh!)

nº 2: Exame de xeometría

Pregunta: Unha caixa de zapatos mide 31 cm de longo, 18 cm de ancho e 12 cm de alto. É posible gardar no seu interior unha variña metálica ríxida de 40 cm de lonxitude?
Resposta: Si, se a dobras un pouco.
(Por se quedastes con algo de curiosidade, a resposta correcta é NON, pois a diagonal da caixa mide aproximadamente 37'8 cm, co cal non pode caber; nin ser dobrada, que é ríxida)

(*) Mundo Real: Lugar que os seres humanos deixan atrás cando entran por unha portas n-dimensionais invisibles que están situadas xusto no mesmo lugar que as portas dos centros académicos (en todas e sen excepcións). Para volver a el, tan so é necesario percorrer o camiño inverso cruzando as mesmas portas.
Hai seres, chamados profesores/as, que consiguen cruzar frecuentemente a ambos lados destas fronteiras cuánticas sen padecer grandes danos, aínda que esto último non está científicamente demostrado. Existe un segundo grupo de seres, chamados alumnos/as, que non só sobreviven sen problemas ó proceso, senón que incluso crean distorsións maiores das leis da natureza cando están situados ó outro lado.

Recomendacións:
  • Todo o anterior fai lembrar a seguinte frase: "Vin cousas que vós non creríades: naves de ataque ardendo máis alá de Orión... Vin raios C brillar na escuridade cerca da Porta de Tannhäuser...Todos eses momentos perderanse... no tempo, como bágoas... na choiva... É hora... de morrer" (ver vídeo). E despois de ver o vídeo, que esperades? Todo mundo correndo a ver "Blade Runner", que xa a recomendei fai tempo, pero neste caso nunca está de máis repetir, e repetir, e repetir... (Ademais a acción sucede en novembro de 2019, co cal non estaría de máis tratar de ver como pode ser o mundo dentro de dez anos).
  • No mundo paralelo (a veces) tamén coñeces a xente que recomenda cousas interesantes, como este grupo musical alemán chamado Corvus Corax, que fai unha especie de recuperación da música medieval. Para mostra, o contundente tema "Suam elle ires" do álbum Seikilos.

8/11/09

101. Santo, el Enmascarado de Plata


Se alguén pensaba que o post vampírico-paquistaní era insuperable, a súa falta de fe vai ser castigada agora mesmo. Alá imos!
Baixo o nome do título deste post combateu o crime, nas pantallas, o actor e loitador de loita libre mexicana *** (non se debe descubrir a identidade dos heroes, así que non poño o nome). Representante de primeira liña do cine máis psicotrónico e alucinado de México entre os anos 60 e 70. O debut cinematográfico do noso protagonista ten lugar en 1959 con un par de coproducións mexicano-cubanas, rematadas de rodar xusto o día antes da entrada de Fidel Castro na Habana durante a Revolución, enfrontándose ó Cerebro do mal e ós Homes infernais, respectivamente. As películas son grandes exemplos de improvisación, pouco rigor nos guións, con lapsos de continuidade e curiosas, cando non trapalleiras, formas de resolver situacións que van xurdindo no guión.

Santo encarna a un loitador, que ó mesmo tempo exerce de científico oculto de gran saber, que combate o mal, ben só, ou ben con axuda de outros loitadores como Blue Demon. Na súa filmografía chega a enfrontarse a todo tipo de maleantes, e incluso seres sobrenaturais como Drácula, Frankenstein, o Home-lobo, cazadores de cabezas (sic), marcianos, as momias de Guanajuato, zombis, e así continúa ata completar un longo catálogo de seres que fan necesaria en algún momento a intervención do noso heroe, capaz de usar tanto a súa forza, non hai peli na que non aparezan uns minutos de loita libre sobre o ring (igual que os momentos de canturreo nas películas de Manolo Escobar), como o seu inxenio e intelixencia, por exemplo en "Santo en el tesoro de Drácula". Nesta película, Santo destroza varios principios da Física sen o menor pudor ó inventar unha máquina do tempo, coa cal pode facer que a moza guapa de turno viaxe ó pasado (nova puñalada á relatividade, unha viaxe no tempo sería posible só en dirección ó futuro) despois da negativa dos homes alí presentes, panda de galiñas. Durante a viaxe ó pasado, a moza volve á súa vida pasada mediante a desmaterialización de átomos (sic) atopándose vítima dunha misteriosa enfermidade e cun misterioso pretendente, o conde Alucard, que resulta ser nada menos que Drácula, descuberto polo profesor Van Roth (unha especie de Van Helsing) mediante un inxenioso razoamento. No vídeo podemos apreciar ademais que Santo é capaz de ver o pasado no televisor, sen cámaras e sen planos fixos, e ir seguindo a historia sen maior problema. Polo medio desta trama aparece un misterioso encarapuchado que non se sabe como o coñece, pero intenta facerse co tesouro de Drácula descifrando un mapa en caracteres serbios (só uns 12 millóns de persoas poderían descubrir o segredo), resucitando para tal fin ó mesmo Drácula, o cal loitará con Santo, que o vencerá mediante unha elaborada argucia. En "Santo contra las mujeres vampiro" (aí vai unha mostra), ten que facer fronte a un grupo de vampiresas mexicanas (por certo, moi curiosa a estética mexicana das vampiresas) que tratan de secuestrar á filla dun científico amigo do noso heroe para convertela na súa raíña para a eternidade.

Como curiosidade, unha frase do prometido da protagonista e que marca o territorio sociolóxico da época: "Dentro de poco serás mi esposa y seré yo quien de las órdenes". Todo esto, para reconfortar e dar sensación de protección á protagonista. Impresionante!

Todo esto e moito máis é o que podemos atopar nas películas de Santo, el Enmascarado de Plata, heroe peculiar a máis non poder, que chegou ademais de aparecer en series de televisión, a ser personaxe de cómic de gran éxito.

Recomendacións:
  • Agradezamos a Cutrefilms o seu entusiasmo en colgar estas marabillas na rede e concedámoslle unha oportunidade ó noso heroe para facernos pasar unha terrorífica, en tódolos sentidos da palabra, hora e media de cine coas películas do Enmascarado de Plata.
  • Algo de música méxicana, "La ingrata", do álbum "Re" de Café Tacvba, tema con letra chea de amor apaixoado e tormentoso con final politicamente incorrecto a máis non poder.

7/11/09

97. A noite das fogueiras


Baixo este nome (para ser exactos, The Bonfire Night), celebraron a noite do 5 de novembro os ingleses o aniversario da chamada Conspiración da pólvora, plan levado a cabo en 1605 co obxecto de asasinar ó rei Xacobe I por parte dun grupo de católicos ingleses descontentos coa política do rei, que esperaban que suavizara a política de persecución dos católicos levada a cabo pola súa antecesora Isabel I. Nada máis lonxe da realidade, o novo rei, a pesar de ter unha nai católica, continuou co acoso protestante contra os papistas.

Esto levou a un grupo de extremistas católicos a plantexar a necesidade dunha acción contundente contra o rei, o que hoxe chamariamos un acto terrorista. Este grupo, encabezado por Robert Catesby e Guy Fawkes (tamén coñecido como Guido, ver o retrato da esquerda) tratou de levar adiante un plan tan intrépido como espectacular: a voadura do Parlamento Británico durante a Apertura de Estado (o equivalente á inauguración do curso parlamentario), co obxectivo de matar ó rei, á familia real e a boa parte da aristocracia protestante. Isto, ademais, sería unha especie de sinal para un levantamento dos católicos de todo o país. Para tal fin, lograron introducir nos sotos do Parlamento 36 barrís de pólvora, o que da o nome á conspiración. O encargado de levar a cabo a explosión sería o propio Fawkes, pero tal explosión nunca chegou a suceder (incluso que di que a pólvora era de pésima calidade), e aquí é onde a lenda se confunde coa realidade.
Hai quen di que os conspiradores foron descubertos por axentes reais, aínda que a versión máis estendida (certa?) conta que uns dos membros do grupo, consciente de que o atentado acabaría con xente inocente e incluso con algúns defensores dos dereitos dos católicos, enviou unha carta anónima a un dos membros do goberno na que advertía do plan. Esto fixo chegar ós homes do rei ó soto onde Fawkes estaba coa pólvora antes de poder poñer o seu plan en marcha. Algunha versión incluso afirma que o desenlace da historia formaba parte dunha astuta xogada do rei, que coñecedor do plan, deixou que seguira adiante de forma controlada para, chegado o momento, poder botalo abaixo de tal forma que lle permitira gañar enteiros ante a opinión pública.
O que si é certo e comprobado é que Fawkes foi detido, torturado (negándose a revelar os nomes dos seus cómplices, cousa que só fixo cando se lle dixo que se levantaran en armas, e aínda así só proporcionou nomes de mortos ou de vivos que as autoridades xa coñecían), e finalmente, condenado a morte.
A sentenza foi case levada a cabo, dado que o proceso de aforcar-destripar aínda vivo-descuartizar (mellor asegurarse, non vaia ser) foi frustrado polo propio condenado, que saltou desde o alto da escada pola que subía ó patíbulo, coa sorte, visto o que lle esperaba, de partir o pescozo na caída e morrer no acto.
Outra cousa certa, que é a orixe da celebración, é que o mesmo día da detención dos conspiradores, os cidadáns de Londres foron animados a saír ás rúas a celebrar con fogueiras o fracaso da conspiración contra o soberano. Este último detalle, xunto coas dúbidas acerca da autenticidade da carta incriminatoria, fai aumentar as sospeitas de que o plan era coñecido polo rei, e de que o usou no seu propio beneficio, incluso para xustificar a insistencia na persecución contra os católicos. (A manipulación das masas non é algo tan recente como podemos pensar hoxe en día, inmersos como vivimos na era do audiovisual).
Para rematar, unha especulación máis, aínda hoxe se di que no medio dos que saen a celebrar o fracaso do plan de Fawkes, disfrazándose e queimando efixies súas, hai moita xente que aproveita para mesturarse coas masas, pero celebrando todo o contrario, a exaltación de Guy Fawkes como un heroe que se rebelou contra a inxustiza dos poderosos contra os indefensos.

Recomendacións:
  • Baseada na historia de Fawkes, e usándoo como personaxe, podemos ler a novela gráfica de Alan Moore V de Vendetta, utopía de ton sombrío situada nunha Inglaterra totalitaria dun futuro non moi lonxano. (Tamén hai peli, pero como insisto ás veces, lembrade, ler non é malo).
  • Falando de aniversarios, como esquecer algo que forma parte das cousas que me fixeron chegar a ser o que son, Barrio Sésamo, que alcanzou esta semana os 40 anos de andadura polas televisións do mundo. FELICIDADES! E a modo de homenaxe, quedan aquí un par de vídeos, o primeiro, un exemplo de interacción entre os meus dous personaxes favoritos, Epi e o Monstro das galletas. O segundo, unha das miñas cancións favoritas, Mahna Mahna. Por moi incrible que pareza, non é un tema orixinal, senón unha versión do tema do mesmo título composto polo italiano Piero Umiliani (escoitar) e que, escándalo!, apareceu por primeira vez nunha escena dunha peli pseudodocumental de 1968 sobre o sexo en Suecia.

3/11/09

89. Diamantes inmensos


"A 50 años luz de distancia de la Tierra, en la constelación de Centauro se halla el diamante más grande jamás visto. Se trata de la estrella BPM 37093, una enana blanca cristalizada, el último estadio al que están condenadas las estrellas de dimensiones parecidas al Sol después de consumir en reacciones nucleares todo su helio e hidrógeno. Dentro de 5.000 millones de años nuestro sol se convertirá en una enana blanca que tras 2.000 millones de años más morirá en forma de otro gigantesco diamante en el corazón de nuestra galaxia. Nadie podrá ver su brillo latir. También todos estaremos muertos."

(Nocilla Dream, cap. 109. Agustín Fernández Mallo)

2/11/09

83. Millóns de estrelas


Cando mercamos unha vivenda, non se sabe o porque, a todos nos gusta ensinala. E máis, por que sentimos a obriga de ensinarlla a toda persoa que chega á nosa casa por primeira vez? (Gran pregunta esta, perfectamente integrada na necesidade de coñecemento inútil deste blog).
Pero o que hoxe traio aquí é a alguén, Axel Mellinger, que fixo todo o contrario, que é ensinarnos a nosa propia casa, ou alomenos o lugar onde todos vivimos: a Vía Láctea. Todo esto mediante a superposición mediante tratamentos informáticos de 3000 fotografías, tomadas nos ceos de todo o planeta para o cal tivo que percorrer uns 42000 quilómetros durante nada máis e nada menos que 22 meses, visitando Sudáfrica e Estados Unidos. A imaxe é o que se chama unha proxección Aitoff, utilizada para as representacións do noso planeta en forma ovalada.



Para máis información sobre a imaxe, podemos visitar a páxina web do propio Mellinger, onde ademais temos a posibilidade de disfrutar dunha galería de impresionantes imaxes do noso universo.

Recomendacións:
  • Unha das cousas que hai na nosa galaxia, en concreto no seu centro, é un inmenso burato negro supermasivo, o chamado Saxitario A*. Co cal, aparte de engadir algo máis de cultura xeral ó artigo, tamén aproveito para recomendar o tema "Black Hole Sun" de Soundgarden.
  • Para pechar, lembrar que hoxe temos unha estrela menos, xa que nos deixou José Luis López Vázquez, que para algúns non será nada máis que un actor dos habituais dese enxendro terrorífico-antropolóxico que é Cine de barrio, pero que fixo outras moitas películas, ademais de teatro. A modo de homenaxe, citarei "La cabina", inquedante ó tempo que sorprendente mediametraxe de 1972, que podemos ver aquí.