O mundo académico, como ás veces pensan os nosos políticos, é un universo paralelo, pero que ó contrario do que nos podería explicar a Mecánica Cuántica por boca de Feynman, neste estraño universo os resultados non se rixen polo Cálculo de Probabilidades. Ou para ser exactos, si o fan, neste universo paralelo os sucesos coas máis remotas probabilidades teñen unha curiosa tendencia a ocorrer máis que os outros, ó contrario do que pasa no noso querido Mundo Real (*). Exemplos prácticos (e terroríficamente reais, sen adornos):
nº 1: A conversa que tivo lugar nun instituto onde o autor deste blog traballa baixo a súa identidade segreda.
- Ola, profe! Hoxe non trouxen os deberes feitos. (Onte e antonte tampouco...)
- E logo?
- E que fun ó dentista e non puiden facelos.
- Ah, vale! Pois atende e vaite fixando.
- E que fun quitar unha moa. Mira, téñoa aquí, queres vela? (Sacando da mochila un papeliño branco que contiña algo. Algo formado por óso e recuberto de esmalte? Emoción, intriga...)
- Mmmm. Pois non, non é necesario. (Estiven por dicir que si, a ver se ó resto lles daba algo...).
- Ah!
Neste punto houbo un intento de poñer racionalidade:
- A próxima vez, non fai falta, chega con un papeliño do dentista.
- Non, se foi idea de miña nai, que me dixo que a trouxera.
E como é lóxico, aquí rematou a conversa ante a perspectiva do inmenso fregado no que me podía meter con dicir só un infinitésimo do que me circulaba pola cabeza. (Segundo a Mecánica Cuántica, seguramente existe outro universo paralelo no cal lle pedín que nos ensinara a moa, tivo a ben entregarma e incluso me quedei con ela para logo facer tráfico de calcio e fósforo co rato Pérez. Aaarrghh!)
nº 2: Exame de xeometría
Pregunta: Unha caixa de zapatos mide 31 cm de longo, 18 cm de ancho e 12 cm de alto. É posible gardar no seu interior unha variña metálica ríxida de 40 cm de lonxitude?
Resposta: Si, se a dobras un pouco.
(Por se quedastes con algo de curiosidade, a resposta correcta é NON, pois a diagonal da caixa mide aproximadamente 37'8 cm, co cal non pode caber; nin ser dobrada, que é ríxida)
(*) Mundo Real: Lugar que os seres humanos deixan atrás cando entran por unha portas n-dimensionais invisibles que están situadas xusto no mesmo lugar que as portas dos centros académicos (en todas e sen excepcións). Para volver a el, tan so é necesario percorrer o camiño inverso cruzando as mesmas portas.
Hai seres, chamados profesores/as, que consiguen cruzar frecuentemente a ambos lados destas fronteiras cuánticas sen padecer grandes danos, aínda que esto último non está científicamente demostrado. Existe un segundo grupo de seres, chamados alumnos/as, que non só sobreviven sen problemas ó proceso, senón que incluso crean distorsións maiores das leis da natureza cando están situados ó outro lado.
Recomendacións:
- Todo o anterior fai lembrar a seguinte frase: "Vin cousas que vós non creríades: naves de ataque ardendo máis alá de Orión... Vin raios C brillar na escuridade cerca da Porta de Tannhäuser...Todos eses momentos perderanse... no tempo, como bágoas... na choiva... É hora... de morrer" (ver vídeo). E despois de ver o vídeo, que esperades? Todo mundo correndo a ver "Blade Runner", que xa a recomendei fai tempo, pero neste caso nunca está de máis repetir, e repetir, e repetir... (Ademais a acción sucede en novembro de 2019, co cal non estaría de máis tratar de ver como pode ser o mundo dentro de dez anos).
- No mundo paralelo (a veces) tamén coñeces a xente que recomenda cousas interesantes, como este grupo musical alemán chamado Corvus Corax, que fai unha especie de recuperación da música medieval. Para mostra, o contundente tema "Suam elle ires" do álbum Seikilos.